La Coctelera

Categoría: xogando co as verbas

Ouro, Prata, Ceo e Mar

O meu mar riela cheo de prata . O meu mar tínxese de ouro para despedir o día. No meu mar  a lúa chea acariña as ondas e deitase sobre elas , arrólase .

.......................

No meu mar xúntanse aló,

na liña do horizonte,

o ceo e as ondas,

o vento e o sal.

Escintileos de estrelas,

quen vos puídera atrapar!

................

Os ollos dun mariñeiro

que privilexio terán?

Poden ollar a cotío

ouro, prata, ceo e mar.

 

Uns ollos de cor esmeralda

O vello capitán apoiado no peitoril do alerón do enorme petroleiro que mandaba  observaba absorto aquelas augas dos mares do sur dunha cor verde intenso. Aquelas mesmas augas que sucara por primeira vez cando era tan só un mozo e inexperto alumno de ponte, facía case medio século antes.

Procedía o vello capitán dunha familia de rancia tradición mariñeira, e o optou por non romper esa tradición á hora de elixir a súa profesión.

Sendo aínda case un neno ingresou na escola de náutica, e non sendo aínda de todo un home, embarcouse por primeira vez de alumno de ponte.

Un vello "Liberty" supervivente da Segunda Guerra Mundial foi o seu primeiro destino como piloto, e a súa primeira ruta levouno aos países afastados e exóticos dos mares do sur, onde o ceo era dun intenso azul, as augas eran cristalinas e dun ton verde esmeralda e cada porto unha nova experiencia para o mozo .

Foi no bar dun porto dun deses exóticos lugares  onde viu por primeira vez aqueles ollos verdes. E onde por primeira vez o mozo e inexperto piloto coñeceu o amor.

Cantas promesas , cantas caricias, cantos bicos , cantas namoradas miradas entre susurros!

Os días no mar sen aqueles ollos verdes facíanse interminables; contaba as horas e minutos que restaban para volver a recalar na cidade da súa amada de ollos esmeralda.

A cada volta de viaxe o mozo ansioso, afanábase por ver no porto aqueles ollos verdes que o agardaban.

Eran tan feliz o mozo mariño! Vivía nunha eterna historia de paixón e desexo. Pero como todas as historias teñen o seu final , esta non podía ser menos.

Un día ao arribar ao porto da súa amada, naquel afastado e exótico país, os ollos verdes non estaban no peirao esperándoo como sempre. Preguntou no bar do porto onde vira por primeira vez aqueles ollos, pero ninguén lle soubo dar respostas. Buscou errático pola cidade durante varios días, pero nada atopou.

Chegou o día de zarpar e o mozo, abatido de dor e amargura, embarcouse para volver o mar.

Cantas bagoas na soidade do súa garda derramou o mozo namorado, cantos suspiros levaron as brisas cara o ceo!

Regresou varias viaxes máis a aquel afastado porto , pero a aqueles fermosos ollos nunca mais volveu a ver, e xamais soubo o porque daquela ausencia.

Hoxe o vello capitán volve a navegar por aquelas augas da mesma cor que aqueles ollos e apoiado na varanda do alerón, lembrando outros tempos, ao mariño esváralle unha bagoa pola súa meixela ata caer nas augas do océano da cor dos ollos dunha muller á que unha vez amou.

Manuel M. Caamaño

MAÑANA DOCE NOCHE TREMENDA.

 

 






 

 

O meu sogro foi “navegante “ toda a súa vida . Home de físico xeneroso e de carácter afable, tivo que gañarse a vida embarcado en barcos mercantes dende moi mozo.  Daquela as campañas sen vir a casa podían durar até dous anos  dependendo de se no barco que estivese embarcado nese momento fose do seu agrado e os emolumentos axeitados, podía incluso botar máis tempo sen vir .

Unha vez,  aproveitando que o seu barco tocaba un porto español no Mediterráneo, logo de pasar unha desas largas ausencias  , xa canso de estar fora e morto de gañas por ver a súa familia, decidiu regresar. Arranchou a súa maleta, pediu a conta e colleu un tren que o levaría até Madrid onde tería que facer transbordo para coller outro convoi que o traería a Santiago.

En Madrid, mentres agardaba que saíse o tren que o traería para Galicia, achegouse a unha oficina de Telégrafos para enviar un cable a súa dona anunciando da súa chegada; e ante a ventaíña que nese intre estaba atendida por unha señora xa de certa idade , redactou o texto do telegrama que dicía… ” MAÑANA  DOCE NOCHE TREMENDA.”

A mulleriña da ventaíña ao ler o texto da mensaxe devolveullo alporizada dicíndolle que se negaba a enviar ese texto por indecente.

O bo do meu sogro que tiña moita retranca e máis mundo aínda , decatouse ao momento do porque da confusión e do alporizamento de pobre mulleriña e tívolle que explicar que “A Tremenda” era o nome do lugar , na Parroquia de Serres, onde ao día seguinte o tiñan que agardar ás doce da noite para axudarlle a levar a equipaxe até Ventín, pois dende a Tremenda a Ventín non había daquela mais que un miserable camiño de pé por onde non podía transitar ningún vehículo.

Así e todo a teimuda mulleriña da ventaíña negouse a enviar ese texto tendo que o meu sogro reformalo da seguinte maneira… “ MAÑANA/ DOCE NOCHE/ TREMENDA” Desa maneira a funcionaría aceptou a enviar o texto.

Á hora acordada chegou o meu sogro A Tremenda e estou seguro de que pouco despois , xa na casa xunto coa miña sogra, pasaron unha “NOCHE TREMENDA”

Emigrante

 

 

A ollada oblicua do tempo obsérvache 
mentres te afastas oculto nun vello tren,
cara a confíns de pan e papoula...

Levas contigo recordos de infancia
e a probable exaltación duns versos
que nunca chegarás a escribir. 

Mentres o tempo dilúese,
contemplas a través do portelo
os infindos paisaxes da vida. 

Setembro palpita nas túas entrañas;
e o lume da incerteza
vai en aumento.

Ese vello tren prosegue o seu rumbo de sombra
e xa non importa cara a onde vaia.

Cando chegue o momento propicio
apearaste en calquera estación,
e seguirás os mesmos pasos que eu.

Terás ante ti a imaxe dunha cidade 
completamente descoñecida.
Consultarás a hora no reloxo do anden, 
e descubrirás, como eu, 
ese instante misterioso que existe
entre a plenitude e o desconcerto.

Con profunda resignación 
comezarás a camiñar 
cara á crúa realidade dos días...

Chegou do mar

 

 

 

Chegou do mar e traía:
os brazos cansos,
a mirada desleigada,
un aturuxo na gorxa,
rancor, e ... melancolía.

Deixou a súa barca esnaquizada
ancorada aló nalgunha praia,
o sol nas súas táboas
parecían tremer.

Que verde nos ollos
de profunda tristura
tiña no mirar ese home,
empezou a sorrir.

O home do mar
mariñeiro canso,
nunha praia agochada
agora pensa vivir.

Nas noites de lúa
ao mirar ás estrelas;

lembra outros tempos,
outra praia,
outro mar;

mariñeiro canso...
sobre o peito ambarino
agora abre os ollos
para ver o horizonte.

O home do mar
terra a dentro hoxe soña,
que mañá nalgúns brazos
volverás a descansar

Ao reiseñor do Varadoiro

 

 

 

A ti
porque es poeta
e que acadastes a meta
que poucos seguen aquí.

A ti
que sementas noites de lúa,
e que amarras unha a unha
as flores do pensamento.
Dígoche en todo momento.
que non che importe perder,
que non che importe loitar,
porque na vida, vencer...
é seguir é tropezar!

A ti
que desbaldes fantasía,
por que che vén curto o día
para aprender a vivir,
e alimentas o presente,
co maxín da túa fronte
que vai procura do abrente.

A ti
que inventas horas de calma,

das ledicia ás nosas almas

ensinándoas a vivir...

Quéroche dar unha aperta,

unha sentida homenaxe

deste, quen é o teu paxe,

e sen galóns, inspector.

E nomearche Doutor

“Honoris causa, Cum laude”,

Magno Cónsul que sen fraude

es da Musa, sedutor.

Para ti, honra e honor,

coroa de metal louro,

fillo fiel do varadoiro,

e das verbas, reiseñor.

 

Alborada na Costa da Morte

 

Amencer na Costa da Morte a bordo do "Sidri Rober"  (2003)

 






O ceo, coroado de estrelas é unha bóveda de un azul escuro intenso . O mar, calmo como poucas veces,  unha superficie chan  que se estende arredor de todo o que abrangue a vista.
Aló polo sueste escintila o luceiro do alba, asemella fose a raíña das estrelas... Pero só é o humilde Venus que se reflicte debilmente nas pracidas augas.
O mundo parece durmir , soamente eu, rodeado da nada en moitas millas á redonda son o único ser humano que vela.
Moi paseniño, polo leste vaise enxergando unha moi leve claridade que a cada pouco tínguese de un intenso vermello. Comézanse a distinguir as formas entre a penumbra e as sombras van sendo acurrunchadas pola tenue luz da alborada, o mar vai tomando o mesmo ton que o ceo polo leste.
As gaivotas , pousadas na proa, comezan un estraño ritual bailes e berros . Parecen querer saudar ao novo día que a cada pouco faise máis visible trocando o vermello polo amarelo e apagando pouco a pouco, unha a unha ás estrelas.
Nun intre, no que nin a noite finou nin o día naceu, o tempo párase , a terra deixa de xirar; as gaivotas , como se respectasen ese intre deteñen os seus estridentes berros e os homes que temos o inmenso privilexio de ver amañecer no mar todos os días ... nunca nos acostumaremos a tanta beleza, a tanta inmensidade e nese intre, nese preciso momento un leve estremecemento a percorrer o noso corpo e un leve brillo destellará nos nosos ollos.
Esa é a hora na que sempre nos faremos a mesma pregunta, aínda así vivamos mil anos e vexamos mil amenceres. Que magnífico pintor puido mesturar as cores de tan fermoso cadro?

O fastío de Penélope

 

Non é que Penélope deixase de amar ao seu ancián marido. Os seus sentimentos cara a el son aínda tan firmes como o dique que defende a Ítaca dos agravios do mar. Pero é certo que algunhas tardes ela debe disimular o fastío que lle produce escoitar a Ulises contarlle, por enésima vez, a caída de Troia, a estancia na illa dos feacios, o seu enfrontamento co cíclope Polifemo ou algún outro capítulo da súa dilatada aventura. Nesas ocasións ela bota de menos un pouco a época na que tecía e destecía  placidamente e no máis completo silencio , a delicada touca da espera.