Xan Lelo 6

No texto que esta manuscrito na foto reza o seguinte:

“ Desembarco de los náufragos del acorazado español Cardenal Cisneros, en el muelle de Muros.

El día 28 de Octubre de 1905”

Sinto que a foto non teña mellor calidade



Saíndo da ría cara a costa, viu Xan dende o costado do barco , pasar as pedras que tanto coñecía. Deixaron por estribor a punta da Vouga e mailo Meixón, e logo de saír da ría , arrumbaron o noroeste na procura de Fisterra.

Ollaba Xan dende a súa atalaia privilexiada pasar as aldeas e as praias que tanto facía de menos, e pensou que xa estaba farto de aquelas vacacións, e que lle gustaría volver para a rutina do seu bote, e para poder volver a atoparse o carón de Mariña.

Nestas cavilacións estaba , cando se decatou de que o rumbo do navío levábaos directos os baixíos asolagados de Meixide. Farto como estaba de percorrer aquela parte da costa, soubo que de non cambiar o rumbo, pronto estarían embarrancados no medio das pedras.

Tratou de avisar os oficiais do que ía acontecer, ¿pero quen lle faría caso a Xan?

Ninguén fixo caso dos avisos do rapaz, e pasou o que tiña que pasar.

Cun fero estourido rachou o pantoque do buque nas agullas de Meixide. Aínda foi o barco a cabalo das pedras uns segundos, hasta que quedou encaixado entre elas co seu bandullo de ferro aberto de par en par e por onde entraba a auga a esgallo.

Pasado o primeiro intre de confusión, o instinto mariñeiro de Xan levouno o carón dun costado, desde onde podía ver que os pesqueiros que faenaban preto do baixío se achegaban a eles , pero sen poderse acoderar, pois tiñan medo correr a mesma sorte que o Cardenal Cisneros.

Xan non o pensou dúas veces, Atou o redor da súa cintura un cabo e chimpouse a auga. Nadou un bo anaco que se lle fixo moi abafante pois tiña a dificultade engadida do cabo, pero foi quen de chegar hasta un dos balandros que estaban mais preto do navío.

Por aquel cabo que Xan con grande risco da súa vida levara, baixaron todos os tripulantes que había no Cisneros, con tal sorte, que ninguén sufriu o mas mínimo dano.

Moreas de apertas tivo que aguantar o mozo de todos e cada un dos náufragos que acadaban salvar a súa vida a través do cabo que Xan levara. Non sabia o porque de tantas apertas, pois el amarrara o cabo a súa cintura tan so ca intención de que si finaba no intento, puidesen recuperar o seu cadáver. Non se daba conta o coitado, que sen querelo fixera a proeza de salvar a vida a todos os seus compañeiros.

E que as veces, meus estimados lectores, as proezas mais grandes que se fan en esta vida, tan so son froito da desesperación e da casualidade. Moitas medallas e condecoracións que se lle deron a supostos heroes, foron gañadas así, como quen non quer a cousa, en intres nos que non se pensa ben nos riscos que pode correr a vida de cada un. Que si algúns deles se parasen, aínda que so fose un chisco a pensar nas consecuencias posibles de súas accións, a lexión de heroes que enchen os libros da historia sufriría unha considerable desmerma.

Retomemos a pequena historia do noso particular “heroe”.

Logo de estar todos os tripulantes do buque da armada sans e salvos abordo dos pataches que os recolleron, foron levados de volta para o peirao de Muros, onde os transbordaron a outros barcos de guerra que os levarían finalmente para o Ferrol