Podíase ver sempre camiñando con un saco vello o lombo entre as rochas da veira collendo caramuxas, ou nas praias recollendo cunchas que logo vendía.

Vestida sempre con negros farrapos , os pes descalzos, grises como a cinza, a través da súa melena tamen gris, engedexada que ocultaba case sempre unha grande parte da súa faciana , podíase albiscar aquela mirada perdida que daba arrepíos.

De cando en vez estarricaba os brazos e mirando para o horizonte berráballe a un imaxinario persoeiro que lle facía mal a cotío.

Era a Tola da Vouga . Os nenos escapabamos dela como se fose o mesmísimo diaño.

-Ai ven a Tola da Vouga!

Gritaba algún neno , e a praia quedaba deserta nun segundo , sen nenos , sen xogos nin gargalladas. Muda quedaba para deixar que a Tola da Vouga berrase a quen sabe o que.

Dende lonxe, agochados detrás das rochas ollabamos a probe muller, sen atreverse ninguén a facer o mais pequeno ruído.

Eu tentaba imaxinar o porqué a Tola da Vouga chegara a esa situación de abandono e desamparo. Argallaba no meu maxín unha historia triste, onde a probe muller quedaba viúva e sen fillos porque o barco onde traballaban os seus, fora engulido polas ondas do vendaval i ese fora o motivo e a razón de que perdera a cordura a coitada, e cando lle berraba o horizonte axitando os brazos de forma desesperada , creia eu que o facía dirixindo a súa ira para as ondas, por habérenlle roubado os seus.

Marchaba a Tola da praia e volviamos os nenos para seguir cas nosas andrómenas.

Pasou o tempo e un día dinme de conta que a Tola da Vouga xa non se vía polas praias nin polas veiras.

Esvararon os anos, e o recordo da Tola da Vouga quedou gardado medio esquecido nun recuncho, no lugar onde se gardan os recordos afastados, e onte camiñando por aquelas praias onde xogaba de neno acudiu a min e lembranza da pobre muller vestida de farrapos e ca súa longa cabeleira gris , collendo caramuxas e berrándolle o vento.