En Xuño de 1881 o barco norteamericano Jeannette é esmagado polos xeos árticos ao Norte de Siberia, perecendo case toda a sua tripulación. Tres anos despois, en 1884, uns esquimós atopan restos do Jeannette na costa Suroeste de Grenlandia, a máis de 4800 Km. de distancia do lugar do naufraxio!. Os restos, levados polo xeo, derivaron a través do Océano Ártico.
Este feito non pasa desapercibido para o doutor en ciencias noruegués, Fridjof Nansen, que xa en 1888 fora o primeiro home en atravesar a pé (con esquís) Grenlandia; Nansen desenvolve a idea de construír un barco que poida soportar a presión dos xeos, e atrapado neles deixarse levar ata o Polo Norte. A súa idea ergue apaixonados debates entre a opinión pública. Ignorando as críticas, o arquitecto escocés Colin Archer deseña o barco cuxo nome será famoso sobre os xeos de ambos Polos, o Fram, que en Galego significa adiante.
O proxecto é sinxelo, acadar a latitude 77º15' N., ao Norte da desembocadura do Lena en Siberia, quedar atrapado polos xeos e derivar para o punto máis próximo ao Polo Norte da Terra
O 24 de Xuño de 1893, o Fram parte de Kristiania, (hoxe Oslo), dirección Norte. Subindo pola costa norueguesa fai escala na rexión norteña de Finnmark, de onde definitivamente parte o 19 de Xullo de 1893 para o Este bordeando a costa siberiana. En Xullo de 1893, atopan os primeiros xeos á deriva, no Mar de Barents.
A tripulación do Fram sobre a banquisa
No mar de Kara, aínda máis ao Este e ao Norte da costa siberiana, a expedición descende sobre a banquisa aínda moi aberta e cazan morsas, desencoirándoas e usando súas peles como abrigo, a súa carne como xantar e a súa graxa como combustible. A tripulación do Fram, non é moi numerosa, componse de trece homes, algúns xa experimentados en expedicións anteriores, como o propio Nansen ou Sverdrup, o capitán do Fram, e que xa acompañou a Nansen na súa viaxe a través de Grenlandia en 1888.
En Setembro de 1893, o Fram queda atrapado polos xeos, tal e como desexaba Nansen, sen embargo, a deriva que comeza a realizar é en dirección Sueste, en vez de Norte como calculara.
"Cando ergueu a brétema descubrimos que estabamos rodeados de xeo bastante espeso. A rexión está morta: non hai vida por ningures, exceptuando unha foca e pegadas recentes de oso branco (...) O xeo entrechoca e se lapela a noso arredor, cun estrondo atronador, acumulándose en longos montículos e en támaras máis altos có ponte do Fram"(Diario de Nansen).
Nansen fumando en pipa xunto a proa do Fram
Durante os meses de Outubro e Novembro de 1893, a situación mostrase desalentadora, estanse afastando do seu obxectivo. Entre tanto, a vida a bordo continúa, os cans que levaran, contactan por primeira vez cos xeos árticos, e comezan a aclimatarse. En Decembro do mesmo ano, a situación cambia , a deriva invértese e o Fram acada a mesma latitude na que se atopaba dous meses antes. É neste momento cando realmente comeza a travesía do Ártico.
O barco resistía perfectamente a presión dos xeos, e constituía un lugar seguro e confortable. Aínda que non hai ondada, o xeo sobre o Océano Ártico, está en constante movemento debido ás mareas, aos ventos e ás correntes mariñas (que son as que producen a deriva). Este movemento, produce as chamadas cristas de presión, os hummocks, que non son senón bórdelos de dúas pezas de dique, os floes, que tras haber sido proxectados un contra outro, producen támaras que acadan ata 4 m. de altura, cun calado de máis de 15 m. baixo o auga.
A vida a bordo durante o ano de 1894, caracterizábase pola monotonía. Os perigos da viaxe, non só eran físicos senón tamén psicolóxicos. O aburrimento e o esgotamento das enerxías dos homes constituían unha ameaza constante. Nansen elaborara coidadosos plans para manter aos homes constantemente ocupados en traballos útiles dentro dun horario fixo.
As observacións científicas supoñían unha parte importante destes traballos nos que a tripulación se ocupaba. Realizábanse continuamente medicións da declinación e anotacións sobre o magnetismo da terra nesas latitudes, para o cal instalaron dentro dunha carpa, os instrumentos necesarios para os seus cálculos. Así mesmo, recollían restos de algas mariñas que atopaban nas aberturas do xeo, para analizalas.As medicións periódicas da temperatura do xeo nas distintas estacións do ano, constituían outra das actividades científicas da expedición
A zona polar que Nansen e a súa expedición exploran a bordo do Fram, é un océano de varios miles de metros de profundidade, cuberto por unha capa de xeo de 3 e 4 metros de espesura. Para indagar a profundidade do océano sobre o que derivan, realizan diferentes sondaxes, acadando en algún deles os 3.500 metros de profundidade.
O Fram no seu museo en Oslo
O avance era dolorosamente lento. Nun ano, o Fram percorreu unha pequena distancia, estímase que tan só foron en torno aos 560 Km., unha distancia ridícula para todo un ano. Os cálculos que realizan comézanlles a indicar que a deriva do xeo soamente levaralles aos 85º de latitude Norte, demasiado afastados do Polo.
O inquedo espírito de Nansen rebelábase contra a monotonía que reinaba a bordo do Fram, ademais se vía obrigado a aceptar o decepciónante feito de que o curso do barco non ía levarlles tan perto do Norte como el esperara.
Pasado o ano 1894, a evidencia de que a deriva do xeo e polo tanto a do Fram, non era a desexada, fixo que Nansen tomase a determinación de abandonar o barco na primavera de 1895 con outro compañeiro, Hjalmar Johansen e dirixirse para o Norte a través do xeo.
Impresionante a Odisea do Fram, ¡Que homes¡, Hoxe en día a alguén que puxera en risco a sua vida por saciar a súa curiosidade sería un suicida. Gustame o romanticismo e esa idea de que si a aventura vale a pena, vale a vida.
Unha aperta.
Por certo o video de Maru, non sei si lle gustou a galega de Dublin, pero a min encantoume, non poiden colar un comentario, a páxina non mo permitía
Non sei o porque estos dias non permitia a paxiña facer comentarios, penso que era poblema dun dos programas para restrinxir as pop-ups.
Si era por iso creo que xa esta arranxado o tema.
unha aperta.