No verán de 1983 estaba eu embarcado de patrón de costa no arrastreiro con base en Muros denominado “Choquero”. Traballabamos a cotío no arco ártabro e adoitabamos descargar as capturas logo de dous ou tres días de marea, no peirao coruñés.

Nas gardas de navegación ou de pesca nocturnas os patróns falabamos entre nos pola radiotelefonía para así facer mais levadeira a noite , de feito tiñamos extensas tertulias nas cales se falaba do divino e do humano , mais do segundo que do primeiro.

Era unha situación un chisco rara , porque a maioría dos que falabamos non nos coñeciamos persoalmente , a algúns nunca cheguei a coñecelos , pero había entre todos nos unha corrente de simpatía que facía daquelas conversas noctambulas unha cousa moi agradable.

Había algún personaxe entre aquelas voces nocturnas os que lembro moi entrañablemente:

“O Tío Juanitiño” ou “O Tío Benito” eran dous deles. Vellos patróns cargados de mar e de historias pasaban as suas derradeiras singraduras as suas últimas noites de garda, agardando o ansiado dia da sua xubilación e poder retirarse con honra e con vida , como os vellos e bos navios, que non afunden, e agardan pola sua prácida morte despezados en algun asteleiro.

Terían arredor dos 60 anos , considerando que eu tiña 20 e moi poucos , eran para min homes moi maiores cargados de sabedoría de anécdotas e de mar.

Como me gustaba escoitar as historias de cando eran mozos e traballaban aló en aquel afastado mar de Terranova entre xeos e temporais , as cubertas ateigadas de bacallaus grandes como homes e de neve , as farras que se corrían en Sant-Pierre, as mozas de Terranova!, a caña de herbas e o viño de garrafon....

Ó Tío Juanitiño gustaba as veces de recitar poesía e podía pasar horas recitando pegado o micro da telefonia, dicía que se afeccionara a elas durante as longas travesías onde tiña moito tempo para ler. Posuia unha memoria prodixiosa i era quen de recitar La Canción Del Pirata de Espronceda , de cabo a rabo sen errar unha sola estrofa.

O Tio Benito era mais de refráns e de ditos ; Adoitaba responder a case todas as preguntas con algún refrán.

- Tio Benito , que tempo ha facer mañá?

- Ceo empedrado vendaval o rabo, rapaz- Era a súa resposta.

Tiña “saída” no seu bagaxe refraneiro , para calquera cuestión que lle plantexases .

Pasaban as gardas de maneira amena escoitando os compañeiros.

As veces as conversas derivaban no tema das mulleres , algún había que fachendeaba das súas “conquistas” aló en Cape Town ou en “Balbis Bay”, Xa se sabe, os mariñeiros , un amor en cada porto.

Ainda que eu mais ben creo que eran fantasías que a forza de repetidas pasaban a formar parte das lembranzas do fachendoso como se fosen recordos de realidades

Aqueles eras os bos vellos tempos!

Pouco despois pasei a traballar de día e os contertulios e as conversas cambiaron radicalmente , os patróns eran xa mais xóvenes e as comunicacións eran insulsas , pois so facían referencia a pesca o tempo ou a situacions e marcas.
Do Tio Juanitiño e do Tio Benito , non souben mais, pero desexo de todo corazón que tiveran unha longa e pracida xubilación, e si a vida lles ofrendou netos , de seguro eles han saber La Canción del Pirata ou unha morea de refráns mariñeiros.