Timbrou o telefono do barco e o descolgalo no outro lado da liña a voz dun vello coñecido , tamén patrón dun porto veciño que me chamaba para unha consulta nada habitual.

A conversa que mantivemos foi mais ou menos esta.

- Coñeces a algunha menciñeira en Muros que quite o aire?

- Estasme a tomar o pelo?

- Non , necesítoa de verdade

- E lo?

-Fai unha boa temporada que non me van ben as cousas no traballo. Vaiamos onde vaiamos a pescar, os peixes para nos sempre son poucos. Xa probei todos os remedios que eu podo aportar e seguimos igual , teño que estar posuído por algún mal aire.

Eu coñecía o meu interlocutor facía unha morea de anos , dende que aínda rapaces estabamos na escola de náutica en Vigo aló polos anos 70, e crin que me estaba a tomar o pelo con esa pregunta. Pero ante tales argumentos e ante a evidente desesperación do meu amigo din creto a súa petición, e quedei en informarlle das miñas pescudas en pos da menciñeira.

Non me fixo falta buscar moito, fun informado da existencia dunha recoñecida sanadora nun lugar da parroquia de Serres e así llo comentei o meu amigo, quedando citados para o seguinte sábado en Muros.

Picoume a curiosidade para saber mais da sanadora e souben que era sogra dun coñecido meu . O sábado en cuestión xuntámonos os tres e acudimos en comandita a consulta.

Nun alpendre de pedra estaba a vella , medio encurvada pola artroses e cos avíos de sanar preparados.

Unha peneira era o instrumento que ía dicir se o meu amigo tiña o “aire” e se o tiña, dilucidar a súa procedencia , pois podía ser de morto ou de vivo.

Nun lateral da peneira unha tesoira espetada, e dentro da criba un peite(símbolo da bruxa) , unha moeda enferruxada , e arredor da tesoira un rosario , por aquelo de ter contentos os santos cristiáns.

O ritual era simple . A vella cun dedo na tesoira e o posuído polo “aire” con outro sostiñan a peneira. A menciñeira recitaba o conxuro.

Peneiriña de peneirar , dime si...(aquí o nome do doente) ten o aire, se e de vivo virame a cara e se e de morto virame o cu.

E a peneira pendurada da tesoira comezaba a revirarse sempre o mesmo sentido.

Varias veces lle fixo a mesma pregunta e outras tantas a peneira revirouse do mesmo xeito.

A sentencia foi clara.

-Meu fillo , tes o aire e é aire de vivo.

A receta, simple.

-Tes que pasar polo fume.

Eu observaba todo aquelo entre escéptico e abraiado de ver como a peneira se reviraba cada vez que a vella nomeaba o coitado do meu amigo. E pedinlle a vella si podía eu soster a peneira xunto co enfermo de “aire”. A muller accedeu sen ningún reparo e sostivemos a peneira meu amigo e mais eu mentres a vella recitaba o ritual. A peneira revirábase de tal maneira que esvaraba de entre os nosos dedos cada vez que ela dicía o nome do meu amigo!.

Logo para maior gloria da menciñeira e mais grande confusión para min, pronunciou o meu nome e a peneira non se moveu un so pelo entre as nosas mans.

Convencido eu de que a peneira viraba sen truco nin artificio visible, pasamos o seguinte ritual. O que ía a sanar o meu amigo!.

Unha trepia de ferro con loureiro ardendo e fumeando no seu interior pousada no chan, era o instrumento. Nada de ultrasóns nin escaneres nin raios X , tan so unha trepia.

O doente pasaba unha e outra vez por riba do fume mentres tres mulleres chamadas María rezaban “padresnuestros” e “avesmarias” e a menciñeira murmuraba escuros e segredos conxuros.

Así escasamente un minuto hasta que a vella decidiu someter o meu amigo o dictame da peneira de novo.

A criba esta vez nin se inmutou co nome do antes posuído,.

-Estas curado deu fillo- Foi a sentencia da vella.

A min paréceme que a muller nada pediu polo seu traballo , e si algo obtivo foi pola boa vontade do doente.

Cando saímos do alpendre a faciana do meu amigo tiña un xesto moi distinto que cando entramos.

Poucos días despois era eu que marcaba o telefono del para preguntar si as cousas cambiara.

- Man de santa, Manuel . Esa muller cambioume a vida.

- Vanche mellor as cousas logo?

- Dende aquel día os peixes apéganse a min leve a onde leve o barco.

Raio, pensei, porque non había de ter eu tamén o “aire” para que logo se me apegasen tamén a min os peixes!!!!.