O 22 de setembro de 1959, Un patrón muradán , MANUEL LEÓN ALVITE de 57 anos de idade, salvaba a súa vida milagrosamente en Cabo Prior (preto do Ferrol), na traxedia do SILVEIRAS , vapor pesqueiro da casa armadora Soto e Hijos de Vigo que pescaba a cotío a parella co seu compañeiro o JUAN PUEBLA.

Saíron para o mar o Silveiras e maila súa parella o día 20 de setembro , e logo de pasar dous días pescando, regresaban para o porto da Coruña a descargar a súa pesca.

Non quedou claro o porque embicou o Silveiras aquela noite de forte nordeste nas rochas de cabo Prior.

O impacto contra as rochas foi tan violento que tan so se mantivo a flote entre as vagas de escuma 5 minutos antes de ser esnaquizado por completo.

Os 14 tripulantes que compoñían a súa tripulación arriaron os dous botes e repartíronse abordo deles, pero con tan mala fortuna que os poucos intres as enormes vagas reviraron as pequenas embarcacións e os tripulantes quedaron a mercede das ondas.

Un deles, Domingo Blanco Alonso “Mingolas” , de 25 anos de idade, e veciño de Ares, espiuse por completo e puxese a nadar afastándose da rompente de Prior. Logo de dúas horas loitando pola súa vida , foi recollido polo cargueiro de cabotaxe BREAMO, que facía a ruta a ruta entre Betanzos e Pasajes.

O patrón muradán do Silveiras, Manuel León Alvite botouse a nadar cara a rocha coñecida como OS CASTELANS e dela foi recollido mais tarde pola lancha sardiñeira SEIS HERMANOS acadando desta maneira salvar tamén a súa vida.

Tanto o Breamo como os Seis Hermanos rastrexaron concienzudamente a zona para tratar de atopar mais superviventes pero sen obter resultado. Dos 14 tripulantes tan so puideron ser salvados estes dous.

O xornalista Bocelo escribiu co motivo desta traxedia en LA VOZ DE GALICIA un artigo na súa columna en contraportada, solicitando das autoridades unha mellora dos servicios de salvamento das nosas costas (26-09-1959).

Días despois o ministro de traballo de quenda , Fermín Sanz Orrio, entregou os familiares das víctimas unhas axudas “graciables”polo valor de 104.250 pesetas, e 2.400.000 pesetas para o armador do barco.

O mesmo día do naufraxio do Silveiras o 22 de setembro de 1959 o que aquí escribe nacía na vila de Muros mentres ocorría esta traxedia.

A roda da vida sigue a xirar e uns morren para que outros poidan ocupar os seus lugares.