Sempre me fascinaron eses achados en que os restos aparecen, por diferentes causas, milagrosamente ben conservados. A tumba de Tutankhamon, os soldados de terracota, Pompeia… son como cápsulas nas que o tempo se detivese para permitirnos botar unha ollada.
Un achado que se pode encadrar en ese tipo é o dun navío de guerra do século XVII chamado Vasa que se atopa nun museo sueco nun estado francamente bo. Non se pode dicir que estea como o día de sua botadura, pero é o único barco da súa categoría que se conserva. A única pena é que está en Estocolmo, e ao mellor a algúns cáenos un pouco lonxe para visitalo.

O seu asombroso estado de conservación débese a que quedou afundido na lama nunha zona de moi baixas temperaturas e na que ademais non poden vivir os vermes que se alimenten de madeira. Foi descuberto en 1956 e os labores de rescate comezaron en seguida ata que o 24 de abril de 1961 o Vasa volvía a sucar as augas do mar Báltico tras permanecer máis de tres séculos mergullado.

Acordádesvos dunha réplica da nao Victoria que se botou en Sevilla no 1991 e que dou tombo nada mais tocar as augas? Pois o Vasa tivo un bautismo cuspido. Este barco, que foi concibido como buque insignia da armada sueca, botouse á mar o mes de agosto de 1628. No porto de Estocolmo, fronte ao palacio real, convocadas as autoridades e diante dunha multitude de curiosos o Vasa izou áncoras con toda a súa tripulación e con bastantes invitados de honor a bordo. Empurrábao unha maina brisa que aos poucos minutos se converteu nunha ventolina algo máis forte que fixo que o barco se inclinase perigosamente. O capitán, pouco confiado nesta nave, mandou baixar trapo para diminuír a resistencia ao vento, pero non foi suficiente. Ao seguinte bandazo o barco non resistiu e escorou, fde tal maneira que o auga entrou a esgallo polas troneiras dos canóns; aos quince minutos de partir xa estaba afundido. Que chasco!

Pero agora vexamos as causas. Este galeón foi encargado por Gustavo II Adolfo de Suecia. Bautizouno Vasa en referencia á súa familia. Cando viu os planos que lle ensinaba o constructor non lle pareceu o suficientemente impresionante, así que decidiu modificalos pola súa conta. Engadiulle unha cuberta de canóns máis e xa postos fíxolle algún retoque por alí e outro por acá. O resultado xa o coñecemos. Como o constructor non se atrevía a contradicir ao rei executou o proxecto tal e como desexaba o soberano, aínda que intentou rebaixar os erros alargando un chisco a obra viva, pero vese que non o bastante.

Uns días antes da botadura fíxoselle unha proba de estabilidade, consistente en facer que trinta homes corresen de lado a lado por cuberta. Como aquilo comezou a dar bandazos perigosamente, mandaron parar a manobra, pero ninguén se atreveu a contradicir ao rei dicindo que aquilo no era un barco se non unha bañeira e que non era apto navegar.

No accidente morreron uns trinta mariñeiros, pero a capitán salvouse. Foi interrogado para ver se tiña culpa nos feitos. Este home recoñeceu en seguida que non se fiaba un pelo das virtudes mariñeiras do Vasa, así que estaba atento para abandonar o barco á máis mínima. Cando foi interrogado polo motivo da súa desconfianza contestou que o barco pesaba máis na parte superior que na inferior, así que era lóxico que dera tombo. Quixeron saber entón por que non mandara lastrar o barco ata que quedase equilibrado e dixo que aquilo era imposible, pois a primeira fila de canóns estaba a tan só un metro do auga, co que se habería inundado o barco en caso de lastralo.

Non é de estrañar que se afundira con tan ruin deseño. Pero gracias a esta real metedura de pata podemos hoxe en día contemplar un auténtico galeón do século XVII. A min lémbrame a “a Perla Negra”da capitán Sparrow, non sei, ten un aire, coa madeira tan vella e ese cor tan escuro… a min gústame.


http://www.vasamuseet.se/