O caladoiro do Gran Sol, está situado ao sur de Irlanda. O seu nome non ten nada que ver co astro rei, senón que é a trascripción fonética do francés 'Grand Sole', que significa gran linguado. Entre os paralelos 48 e 60, ao oeste das Illas Británicas, atópase este caladoiro mítico para os mariñeiros galegos. Neste caladoiro a riqueza dos seus mares é inseparable da ferocidade dos seus temporais. E ata Gran Sol aventuranse os mariñeiros galegos, en barcos de pouco máis de trinta metros de eslora, en busca dos peixes máis prezados e con maior valor comercial. Durante vinte días, con xornadas extenuantes e convivindo en camarotes diminutos, quince homes expertos no duro oficio dá pesca, coquetean coa morte por salarios que poucas veces superan os mil douscentos euros. En moitos portos da nosa terra, a única alternativa para a mocedade segue sendo traballar no mar. Pero cada vez son menos os mozos galegos dispostos a soportar un oficio, a pesca no Gran Sol, que esixe pasar embarcado trescentos días ao ano. Por iso, xa é habitual que os armadores recorran a mariñeiros peruanos ou marroquís para completar as súas tripulacións. A historia de Gran Sol é tamén a historia das familias que esperan o regreso dos mariñeiros. Para elas, e sobre todo no inverno, cando os temporais son feroces, a demora máis leve ou a mínima ruptura na comunicación supón outra vez a angustia. Unha angustia xustificada: tan só na década dos noventa perderon a vida nas súas augas 256 mariñeiros españois. Pensar en como debía ser a vida e as condicións de traballo das tripulacións nas primeiras décadas do pasado século dá escalofríos. Barcos de madeira con pouco mais de 20 metros de eslora, movidos con vetustas maquinas a vapor eran o habitual por aqueles anos nos caladoiros do Gran Sol. Historias de naufraxios e temporais poderíanse contar miles nestas augas, pero hoxe farei mención tan só á desaparición do arrastreiro con base na Coruña , “Testal” que foi construído na carpintería de ribeira “Talleres Hermida” un estaleiro que tiña as súas instalacións na Punta Bruñeiras no municipio de Noia, no fondo da ría de Muros e do que tiven coñecemento fai pouco da súa triste historia. Ata o ano 1995 estivo operativa esta carpintería de ribeira onde se construíron numerosos barcos pesqueiros de diferentes portes. Un deles foi o “Testal” feito en 1955 para Pepe O Rulo, unha armador da Coruña e que o destinou á pesca de arrastre nos caladoiros do Gran Sol. Con 24 metros de eslora, unha maquina de vapor de 120 Hp. e unha tripulación de 15 homes, zarpou un día dese ano o “Testal” rumbo ás costas de Irlanda onde tiña previsto arribar despois de tres días de navegación. Nunca mais se soubo del. É de supoñer que foi tragado polas augas en medio dun temporal ou embicado por algún dos numerosos buques mercantes que facían a ruta do norte de Europa. A totalidade dos seus tripulantes desaparecidos, e o desafortunado navío, que posiblemente non chegou a estrear as súas redes, aínda co cheiro a madeira recén serrada e da pintura fresca no seu casco, afundiuse nun lugar indeterminado entre Galicia e os caladoiros do Gran Sol levándose con el as vidas de todos os seus tripulantes.
4 comentarios
Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados
Moitos mariñeiros teñen deixado a vida neste mar. Mais de 150 homes, nacidos en Corme teñen afogado nos últimos 80 anos; unha porcentaxe demasiado elevada.
Sobre o post anterior, decirche que eu vin o Vasa cos meus propios ollos, e desde logo é impresionante. Virou por falta de lastre, e chamoume moito a atención o cagadoiro que tiñan na proa. Unha xoia de barco, pero sobre todo unha lección dos Suecos de recuperación e conservación do patrimonio.
Todolos portos da nosa costa teñen pagado un alto precio en vidas o mar.
Dende fai uns anos para aco parece que as administracions empezan a ter un chisco de sensibilidade cara os problemas e a seguridade da xente do mar.
Ten que ser a administracion a que regule e impoña as medidas de seguridade a cumplir polas embarcacion , porque se non se impon pasaria como antes ... un chaleco salvavidas de cortiza empapado e medio escangallado servindo de almofada para algun. (eu xa naveguei nalgun barco asi).
Referente o Vasa, e impresionante o estado no que se conservou asulagado tantos séculos. Gustame moito ese tipo de barcos e as suas historias e a do Vasa e impresionante. E como o conto do Rei que ia espido e todos decian que o via vestido por medo a ser tachados de estupidos e incapaces.
Neste caso ninguen levou a contraria o monarca a pesar de saber que en vez dun barco o que construian era unha bañeira.
sempre habera arredos dos ricos e porentados unha corte de "lambecus"!!!
Apertas mariñeiras
graciñas por estas historias tan en sintonía coas de Suso que falou antes. Quedoume a alma tremendo con esas verbas: "A historia de Gran Sol é tamén a historia das familias que esperan o regreso dos mariñeiros. Para elas, e sobre todo no inverno, cando os temporais son feroces, a demora máis leve ou a mínima ruptura na comunicación supón outra vez a angustia". Apertas!
Torredebabel
Nos pobos e costas da nosa comunidade sempre foron abondosas as viúvas , mulleres que nalgún caso dende moi mozas quedaban solas , a miúdo con varios fillos , medio agochadas entre entro os panos negros do rigoroso loito que as ía acompañar o resto das súas vidas.
daba igual que tiveran tan so 30 e poucos anos , así que se vestían de negro e cubrían os seus cabelos ca touca convertíanse en vellas en aparencia e en espírito.
Outra clase de viúvas eras as dos mariñeiros de altura , eran as viúvas de vivos. Estas non vestían de negro nin levaban touca , pero sufrían igual de soidade pois a meirande parte do tempo os seus homes estaban navegando ou pescando por calquera parte deste mundo onde fose posible navegar ou houbese algún peixe que capturar.
Non e de estrañar que se padecesen intensamente as ausencias e a falta de novas.
Apertas