.

Eran as 4 da tarde do día 16 de xaneiro do 1920 . Un veciño de Louro baixaba co carro das vacas a praia da Área Maior para recoller argazos que lle habían servir logo de argueiro para estercar nas súas terras .

O camiño de carro que ía dende o lugar hasta o areal e que descorría pola ladeira norte de Monte louro estaba enlamado . As bestas tíñanse que empregar a fondo para que o carro non quedase atrancado no medio do lameiro axudadas polos berros do home e maila punta afiada da guillada.

O labrego sabia que atoparía boa colleita de argazos na praia , pois xa facía días que o mar era moi picado e que de seguro a marea trouxera boa cantidade del hasta a ribeira. Pero para a súa sorpresa o que atopou o chegar o areal, foi o casco medio esnaquizado dunha lancha xeiteira. O achegarse preto dos restos do naufraxio puido ler nunha das súas amuras o seu nome “Virxe das Dores”. Ningún ser vivo quedaba no seu bordo nin tampouco nos arredores do areal.

O Virxe das Dores saíra nesa madrugada de xaneiro do porto de Muros con sete homes abordo, ía patroneada a lancha por Manuel Otero que tiña 28 anos e dirixíase como a cotío os caladoiros da boca da ría para a pesca da xarda . Suponse que unha vaga de mar fixo dar quilla arriba a lancha.

As familias dos mariñeiros xa estaban inquedas pola sua tardanza no regreso a porto, e as mulleres e mailos fillos dos tripulantes, acudiron o peirao en busca de algunha nova que viñese do mar.

Pero malas novas da perda do Virxe das Dores esta vez chegaron por terra e dende a parroquia de Louro.

Novas que traian loito e dor, e que convertían a esas mulleres en viúvas , e trocaban os nenos en orfos. Novas que tinxían de loito , unha vez mais, a nosa Vila.

.

Dos sete homes que saíran ese día para o mar a abordo do Virxe das Dores... nunca mais se soubo.