O Great Liverpool (Cortesia de Vicente Sanahuja)
................

26 de febreiro de 1846:
O capitán Macleod xunto coa súa tripulación resistían atrincheirados na praia desde facía dous días os continuos ataques dos saqueadores. Parapetados tras un precario muro erguido con area e pedras da praia, defendían a carga e os aparellos dos pasaxeiros do seu navío varado na beira á espera de obter axuda por parte das autoridades do país.
O capitán Macleod enviara dous días antes un emisario cunha petición de auxilio á cidade máis próxima, pero aínda non obtiveran o ansiado socorro.
Entre tanto o vello capitán e a súa tripulación pretendían protexer a sangue e lume se fose necesario, os despoxos do seu naufraxio e as pertenzas da súa pasaxe.

...........

Estes feitos que parecen sacados dunha novela de aventuras onde uns desgraciados náufragos se defendían do asedio de furibundas hordas de saqueadores indíxenas nun país exótico; estes feitos, como digo, ocorrían a poucos quilómetros de aquí, concretamente na praia de Gures a medio camiño entre a Vila de Muros e o pobo de Fisterra , fai pouco mais de 150 anos.

As hordas de saqueadores eran en realidade xentes dos arredores que acudían á praia coa intención de auxiliar os náufragos e de paso facerse cos despoxos do naufraxio que o mar guindaba á beira. Acudían, como sempre fixeron “as crebas” , pero nesta ocasión foron recibidos a disparos de rifle por Macleod e a súa xente, temerosos de ser roubados por tan “temible populacho” .

O inglés e a súa tripulación eran os náufragos do GREAT LIVERPOOL e trataban de defender en terra o que non souberon preservar no mar.

................
Cartel anunciador da P&O de amediados do século pasado
................

O Great Liverpool era un coqueto buque de pasaxe con propulsión mixta de vapor a paletas e aparellado de bergantín-goleta con tres mastros nos que despregar seu velame en caso de que o incipiente invento da maquina de vapor fallase (cousa bastante común nesa época) puidese impulsarse coa forza do vento.
Pertencía este navío á compañía británica Peninsular and Oriental Steam Navigation Company a popular P&O. e cumpría ruta neste, seu ultimo viaxe con 145 persoas a bordo entre pasaxe e tripulación , desde o porto hindú de Calcuta con escalas no Cairo , Alexandría e Xibraltar ata o porto inglés de Southampton. E como xa sabemos, xamais chegou ao seu destino.
Desde a altura da costa portuguesa viña soportando o navío un tempo rexo con ventos do suroeste, os cales arrepiaron á altura de Fisterra causando danos no sistema de pas da propulsión a vapor do navío. A impericia de Macleod e a súa tripulación ao tratar de navegar a vela en medio dun temporal e en medio dos traizoeiros baixos das costas aledañas ao cabo Fisterra, levaron ao Great Liverpool a varar na praia de Gures.

Postcard do Arabia , outro dos buques da P&O
.................

Pero non cesan aí os despropósitos de Macleod . Ordena que se arríen os botes salvavidas coa misión de levar á praia á pasaxe, pero varios deles pártense ou emborcan nada mais tocar a auga causando varios mortos, a maioría mulleres e nenos. Un dos bótes logra chegar á praia e desde ela consegue coller unha corda que servirá de guía para o desembarco dos restantes náufragos.
Macleod ordena o desembarco a través do cabo guía do resto da pasaxe e a tripulación, pero moitos deles non conseguen chegar á praia arrastrados pola forte ondada. Os que si conseguen chegar cobixanse entre as pedras da praia dispostos a esperar o novo día.
Xunto ás primeiras luces do día chegan tamén os primeiros veciños dos arredores, é de supoñer que fosen xentes da aldea aledaña de Gures ou da próxima vila de Ézaro. Estes veciños son recibidos sen aviso previo pola tripulación do Great Liverpool con disparos de rifle diante do infundado temor de ser asaltados. A indignación apodérase dos lugareños que responden a pedradas ao “caloroso recibimento “ofrecido polos ingleses. Dous días durou o “asedio” de Macleod e as súas hostes, ata que chegados da Coruña, un destacamento de carabineiros puxo paz entre os contendentes.
As vidas e os bens do Great Liverpool foron postos a bo recado na cercana vila de Corcubión sendo asistidos os náufragos polo cónsul británico na Coruña.

.................

Poucos días despois Macleod , aínda en Corcubión, poñía fin aos seus días dun disparo na tempa , atormentado posiblemente pola sua impericia na perdida do seu navío e parte da súa tripulación e pasaxe .
Non creo que moitos veciños da zona asistisen de bo grao ao seu funeral.