Eu non sei si este feito é un conto ou si este conto foi un feito verdadeiro.
O vello mariñeiro que mo contou, aseguroume que o caso fora visto polos seus
propios ollos. Pero, si non é certo, ben podía selo.
...........
Aló nun ano das primeiras décadas do século XX , atopábase na nosa ría unha escuadra inglesa que facía viaxe polas Rías Baixas, i entre algúns cruceiros e acoirazados había unha corveta de vela, que facía de escola de garda-mariñas.
Unha mañá estaban os ingleses facendo exercicios, cando acertou a
pasar por alí a rentes unha lancha do xeito con algúns mariñeiros a bordo , os que se quedaron embobados ollando as manobras.
O capitán do barco inglés, que coma toda persoa ilustrada falaba
tamén o galego, satisfeito de vérense admirados, díxolle ó patrón da lancha
muradá:
—Estas cousas solo as saben facer os nosos mariñeiros.
Pero o noso paisano, picado por aquela fanfarronada, respondeulle:
—Todo o que poida facer un mariñeiro inglés, pódeo facer, e inda
mellor tamén, calquera dos meus mariñeiros.
—Tiña que velo.
—Pois cando queira.
—Agora mesmo.
—Pois xa, xa, que logo é tarde. E van apostadas seis botellas de bo viño?
—Pois van.
O capitán inglés deu algunhas ordes, e deseguida un dos seus mariñeiros
trepou coma un gato polo mastro de proa enriba hasta chegar á última gabia,
pola que correu de pé dun lado a outro, e despois de facer algunhas outras
monicrecadas baixou tranquilamente, dicindo con fachenda:
—Que faga iso o galego!
—A ver, rapaces! —dixo o patrón da lancha. Subitamente, un daqueles
mariñeiros trepou ó barco de guerra, e coa mesma lixeireza con que o fixera
o mariñeiro inglés, subiu polo pau, correu de pé pola gabia, e fixo algunhas
outras macacadas, pero, cando xa ia baixar, falloulle un pé e caendo dende o alto,
veu a dar sobre un toldo de onde dando tombos foi caer a cuberta sen magoarse o mais mínimo.
Os ingleses, ó velo caer, deron un hurra! de trunfo; e cando coidaban
que o mariñeiro muradá se esmiolara, o noso paisano erguéndose dun pulo e camiñando
fachendoso, coma si tal cousa, cara á súa lancha, respondeu moi serio e satisfeito:
—Que faga iso o inglés!
Moi bo!!!!. Vaia risas me estou botando....
Un saúdo e sorte no tema do ghasóil...
Aburiño!
ahahhahahah
É unha historia xenial. E dende logo podería ser unha historia real posto que os galego estamos acostumados a tirar para adiante como sexa.