No mes de novembro do ano 1989, o mercante vasco Baitin diríxese á Coruña procedente de Eivissa.

Desde o sur de Portugal arrastra tras de si, ventos fortes de SW. que lle producen un corremento de carga .
Chegado á altura da ría de muros o temporal arrecia fortemente con ventos de forza 9 na escala de Beaufort. O barco, cada vez máis escorado quédase sen manobra e achégase perigosamente, abatido polo vento, ao baixos dos Meixidos. Dos seus once tripulantes, sálvanse sete.
O tripulante supervivente do Baitin, Ramón Cambeiro, quen catro anos despois lograría sobrevivir tamén ao naufraxio do Mercante Dauka, conta…
“Estabamos a unha milla dos baixos e intentamos arriar as áncoras, pero as ondas pasaban por riba do barco. Fomos tres, o primeiro oficial, o contramestre i eu.
Arriamo-los botes e saltamos. O remolcador de salvamento Alonso de Chaves intentou achegarse, con moito perigo, e tres homes saltaron. Un perdeu o pé ao atrapalo contra o barco, pero os outros foron lanzados por unha onda sobre a cuberta do remolcador; Salváronse.

O remolcador tivo que afastarse e deixar a catro homes á súa sorte. Eu, no momento en que vexo que o barco se mete, tírome ao auga, con temporal ou sen el, polo menos morro loitando, pero eles quedáronse alí.

Ese barco nunca tivo que haber pasado de Lisboa para o norte, tal como estaba”.
O capitán do Baitin , cando xa no ultimo intre comprende que a situación é irreversible, di con voz serena por radio: “Esto se acaba. Haced lo que podais .Cambio y cierro”. Pouco despois o Baitin desaparece tragado entre a impoñente rompente de Os Meixidos.
Desde o helicóptero do SAR, o piloto comenta pola radio “El Baitin desaparecio delante de nuestros ojos!”.
Logo dun tempo, o comandante Senra, piloto á sazón do helicóptero do SAR, envioulle unha carta a Senén Fernández, capitán do remolcador. Nesa carta expresa a súa frustración diante da imposibilidade de non haber podido salvar a todos os tripulantes desde o helicóptero e pregúntase: “Poderiamos haber hecho algo máis, algo distinto?”