A Federación Galega pola Cultura Maritima e Fluvial (FGCMF) en asemblea celebrada o 11 de outubro en Cambados, deu a coñecer a sede do que será o IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

Competían dúas candidaturas, as dúas cunha excelente oferta organizativa e de contido: a que presentaban as asociacións Mar de Muros e Canle de Lira, co respaldo de Esteirana e Mar de Noia (asociación vencelladas a FGCMF) e onde se propoñia Muros como lugar de celebración; e a presentada pola Asociación Maritima de Vilaxoán e a Asociación Rompetimóns de Carril, onde se propoñia Vilagarcía. As dúas candidaturas viñan avaladas polos respectivos concellos, asi como por diferentes axentes socio-culturais.

Para a Xunta Directiva da FGCMF esta dobre candidatura supuxo, por unha parte, unha inmensa satisfacción, porque se constataba o excelente grao de implicación do movemento asociativo de recuperación da cultura marítima e fluvial en dúas comarcas do noso litoral; e por outra parte, víase a dificultade da elección ante os excelentes proxectos presentados. Resultou moi dificil adoptar a decisión final, porque os colectivos que querían organizar o Encontro levan anos facendo un moi bo labor. Porén, o feito de que por primeira vez se celebre un encontro na ría de Muros e Noia sen dúbida vai contribuír a afianzar o movemento asociativo nesa ría e moi posiblemente na zona da Costa da Morte veciña.

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que ten como principal finalidade a promoción e posta en valor do rico e variado patrimonio marítimo-fluvial galego e do norte de Portugal, convócao cada dous anos a FGCMF. O primeiro celebrouse en Ribeira en 1993; e a seguir viñeron os de Coruxo (Vigo en 1995), O Grove (1997), Rianxo (1999), Poio (2001), Illa da Arousa (2003), Cambados (2005) e Ferrol (2007). Se no Encontro de Ribeira participaron 24 pequenas embarcacións tradicionais, no Encontro de Ferrol xa foron 175 embarcacións de moi diversa tipoloxía, máis de 1.000 tripulantes de Galicia, Portugal, Euskadi, Irlanda, Açores e do litoral mediterraneo español.
Actualmente a FGCMF está constituída por 42 entidades de todo tipo (culturais, deportivas, veciñais, profesionais, etc.). Na Asemblea do sábado aceptouse o ingreso da última entidade que o solicitou, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais de Galicia. E varias entidades manifestaron xa o desexo de integrarse na Federación.

 

 

     Informacion extraida da paxina da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial