Volvía a porto, a vela de relinga portaba coas primeiras brisas do virazón. O sol, alto xa, quentaba e disolvía as nubes sobre a vila e levárase a néboa que lle acompaño pouco antes do alba cando saía a pescar.

Sempre doen as mans, despois dunha xornada de pesca percorrendo a ría para largar e recoller os trasmallos, as mans están resentidas de halar cabos, salgados e húmidos, cabos de esparto dos baratos, dos de pescar. Doen os riles de manterse nun inestable equilibrio, de pe, mentres se recollen os froitos do mar encima das ondas que converten a canoa nun soporte inseguro, e doen os ollos de evitar o reflexo do sol sobre a auga, e de manter a mirada nas caprichosas ondas para prever a seguinte vaga de mar.

O mariñeiro facía e sentía isto sen maior conciencia que a da práctica, a que dan os anos pasados sobre ese bote, con frío, calor, chuvia, maraxe e co que os demos crueis do mar gardaban para el para cada día no mar.

Pero desde facia uns meses sentía un novo dor , diferente, leve pero xordo e constante, e sabía que esa dor non viña do mar, esa dor viña da idade, e viña de moi adentro. E cada día era máis constante, máis xordo e menos leve. E combatíao unicamente como sabía, resollando e xurando entre dentes, pero sen queixarse, por que o mar non entende de laios e polo tanto non serve de nada xemer.

Só foi ao médico un día tras quedarse sen folgos ao recoller unha captura un pouco mais abundante que o habitual, como bo mariñeiro, non foi buscando cura senón linimento que lle permitise no futuro afrontar eses achaques sen perder o resollo.

Lembraba escasamente o diagnóstico, simplificándoo na súa memoria a unhas poucas palabras, “contra ese mal non se pode loitar”, O non entendía para que habían servido tantas probas e análises, se non se podía loitar, para que o tiveron nesa cama case un mes, sen deixalo saír o mar, negándolle a grata sensación de pasar de volta cada día pola boca do porto cun cesto cheo de peixe, para subastalo na lonxa a cambio do xusto para poder comer sen ter que tocar os aforros gardados para os “días malos” que puideran vir.

Pero mentres se dirixía de volta a porto, e se ollaba a palma da man, entendía que pronto non podería xa, recoller mais a rede, ou izar a vela ou arborar o mastro, e iso non tiña lóxica no seu mundo, pois, sen poder facelo, o seu mundo non existía.

A seu entender, na vida, cada un ten unha loita, e a súa loita era contra o mar, non podía loitar contra un mal que non entendía, nin quería loitar contra unha vida que se lle escapaba.

Quizais por iso, mentres se ollaba a palma da man, decidiu que tivera un bo día de pesca e que sería un bo último día de pesca, quizais por iso non regateou na poxa lonxa, quizais por iso foi directamente á baiuca co diñeiro a comer un bo prato de caldeirada con pan branco e viño tinto, quizais por iso logo foi á tenda a mercar esa navalla nova que nunca se quixera permitir.

E mentres xogaba coa navalla no peto do pantalón encamiñouse á habitación que lle servía de casa para preparar as liñas e carnada para unha semana, limpou e ordenou os poucos aparellos que posuía, e deixou sobre a mesa os cartos do aluguer da seguinte semana. Cando rematou, fixo un atillo cunha manta onde meteu un molete de pan, unhas galletas, un pouco de touciño, unha botella de viño e unha garrafas de auga . deixou todo encima do catre, púxose unha camisa limpa e foi á confraría a xogar ao dominó hasta que foi hora de volver a durmir.
Á mañá seguinte colleu o feixe cas súas cousas e votou a andar cara o peirao onde amarraba a súa canoa, embarcou nela, arriou os cabos e fíxose o mar.

Non volveu.