
O Choquero era un barco de 150 toneladas de desprazamento, construído en aceiro nuns estaleiros de Huelva.
Este buque pasou varios anos da súa vida en mans de armadores muradanos , facendo base unhas veces na Coruña e outras en Muros.
O que aquí escribe estivo enrolado mais dunha vez nel.
Era o Choquero un arrastreiro clásico, pechado pola popa e de feituras un pouco toscas, pero moi mariñeiro.
Na súa dilatada vida como pesqueiro, sempre se distinguiu pola súa teimuda negativa de irse a pique, malia os varios percances que acumulou no seu currículo de incidencias.
Embarcado eu en el de patrón de costa no ano 1984 e facendo base no porto da Coruña, faenábamos ao arrastre unha mañá de espesa néboa ao norte de Cabo Prior nunha zona chamada "Praia Nova" , cando o "Areasa", un pesqueiro con base en Marín e que se dirixía aos caladoiros do Gran Sol , xurdiu como se unha pantasma fose de entre a néboa para colidir coa súa proa contra a nosa amura de estribor.
Un despiste do patrón do Areasa ao non estar atento ao radar provocou a colisión.
Os danos na nosa embarcación foron menores e puidemos seguir traballando sen maior novidade. Se fose de madeira o casco e non de aceiro, seria moi distinto o resultado, probablemente houbésemos engrosado a xa dilatada lista de pecios desta costa.
No ano 1988 foi embestido pola aleta de babor por un mercante á saída da ría da Coruña, nesa ocasión non me atopaba eu abordo do Choquero e polo tanto non dispoño de moitos datos de como ocorreu esta colisión, pero os danos na superestrutura do buque foron numerosos; chegando a abater o pau de proa e ocasionar serios danos na ponte de gorberno.
Outra vez o seu vello aínda que resistente casco de aceiro impediu que o Choquero se perdese para sempre.
No mes de decembro do ano 1992 estaba eu embarcado de patrón de pesca no "Sidri-Rober" con base en Muros. Navegabamos para porto logo de finalizar a xornada, cando recibo unha petición de asistencia de remolque por parte do patrón do Choquero. Un erro de posición levounos a tocar nas pedras mergulladas de Meixide, causando graves danos no seu pantoque e quedando sen goberno por mor da rotura do seu temón.
Remolcamos ao Choquero para porto para logo ser conducido aos estaleiros para a súa reparación.
Unha vez máis salvouse o teimudo navío de afundirse.
Agora xa no 2002 o patrón do Choquero ponse en contacto comigo para solicitarme remolque por mor dunha aviría do seu motor principal.
Continuaba eu como patrón do Sidri-Rober e apresteime a remolcar ao "vello amigo" outra vez. O que eu non podía imaxinarme era que esa foi a súa última e definitiva singradura.
Os seus armadores decidiron que xa cumprira con fartura a súa idade operativa e foi destinado ao desguace.
¡Logo de tantas aventuras e vicisitudes finou de vello e na cama!
Hai barcos que son ben teimudos!!!!!!
Muros e mailo Mar ///
Fomos ficando sós o Mar o barco e mais nós
5 comentarios
Marieke
12 ene 2009 | 02:53 PM
Olá amigo marinheiro
Ano Novo...vestido novo para o teu blogue..parabéns .....esteticamente ficou mais bonito...mas o que importava era o conteúdo do que aqui escreves e esse continua muito bom
Um abraço
homesdepedraenbarcosdepau
12 ene 2009 | 10:40 PM
Ola Marieke
O contido sempre é pobre e trato de agochalo tras unha estetica nova.
Ti sempre tan amable .
Apertas agarimosas
queixa
15 ene 2009 | 12:20 PM
Algúns homes tamén temos esa teima, aferrámonos ó mastil da vida con tódalas nosas forzas, pero todo ten un fin.
¡cantas aventuras vividas, é como me gusta coñecelas! gracias por seguir contándoas. Saúdos dente terra adentro.
homesdepedraenbarcosdepau
20 ene 2009 | 07:34 PM
Queixa
Son mais as desventuras que as aventuras , dun lobo de mar con pel de año.
Aperta e noraboa pola tua paxina , leote moi amiudo
carmen
27 jun 2009 | 07:34 AM
Gracias por recordarnos os barcos que estuveron no noso muelle como,olvidarnos do choqueiro e outros moitos.
Escribe un comentario