Foi en Muxía onde a vin e a escoitei por primeira vez,  pero bastoume ese  único encontro para  namorarme dela. Ben sei que é un amor imposible, que nunca a verei mais e que endexamais a de ser miña, que estou condenado de por vida a amala sen ser correspondido , pero todo tanto me da , porque aquela única mirada que me dedicou e que tiña a intensidade de mil lóstregos furibundos , foi o regalo mis fermoso que nunca ninguén me puido facer.

 Foi aló, nos anos oitenta do pasado século, un día de vendaval que pasabamos o abrigo da dársena da vila muxiá cando aconteceu o noso encontro. Saín do barco polo serán  logo do xantar a dar un paseo e os meus pasos leváronme cara o santuario da Virxe da Barca, alí parei un intre para contemplar o mar. Subido enriba da Pedra de Abalar sentía a forza descomunal do océano  bater nas rochas que tremían debaixo dos meus pes . O mar era bravo e de cando en vez as folerpas de escuma que se desprendían da crista das ondas o romper na veira , chegaban a min traídas polo forte vento para mollar a miña faciana de auga salgada e fresca.  No medio do ruxir das ondas crin escoitar unha melodía doce, soaba afastada , para sur, semellaba vir de contra a punta da Buitra .  Agatuñei hasta o alto da Barca para ver si vía de onde viña esa musica, pero nada vin. Seguín  camiñando e baixei pola Rúa da Atalaia levado pola curiosidade que me producía tan fermoso son,  hasta que deixei atrás a ultima das casa da vila e cheguei a unha pequena praia ; Alí soaba con forza o cántico prodixioso que eu escoitaba e que me tiña hipnotizado . Non pensaba, non sentía , apenas rexia , tan so escoitaba e cada vez mais preto o doce son da melodía. Agora podía sentir ben que era a voz dunha muller o que se escoitaba , pero non podía entender o que dicía a cantiga entre as notas de tan senlleira melodía.

Un pasos mais e por fin a vin , pero, pero... non, non podía ser, os meu sentidos estábanme a xogar unha mala pasada. Non podía crer o que os meus ollos me ensinaban,  unha serea de longos cabelos negros , xenerosos peitos e rabo de peixe en lugar de pernas, estaba a cantar sentada sobre unha rocha a escasos metros da veira. O mar que batía con forza na pedra non inquietaba a serea que se mantiña firme, ca mirada fixa na afastada liña do horizonte e entoando aquela melodía que a min me levou hasta onde agora estaba.

Non sei canto tempo pasei mirando para aquela vision, non o sei, solo sei que o mundo parou de xirar o meu redor e que nada do que coñecía , sabia ou tiña, me  importaba xa, so estaba o infindo, a serea a melodía e mais eu. De pronto cesou o seu canto, e o mais inquietante dos silencios apoderouse de todo o universo , a angustia por non escoitala oprimíame o peito de tal xeito que pensei morrer, ou tolear, ou eu que sei! Pero aínda que se apagase o mundo ou que as chamas do mais terrible inferno me consumisen , non era eu quen de apartar a miña mirada da súa silueta sobre a rocha . De súpeto , paseniñamente comezou a xirar a cabeza  cara a min e a súa mirada pousouse nos meus ollos; Creo que solo foi un segundo o que me mirou,  pero a min pareceume toda a eternidade, logo deixouse esvarar da rocha onde pousaba e afundiuse entre as ondas para xa non saír mais.

Eu fun recobrando o sentido  pouco a pouco hasta darme conta que estaba metido no mar hasta a cintura , fun camiñando de volta para a praia cheo dunha serenidade que nunca antes  experimentara, desbordado por un sentimento de amor e de ledicia que xamais volvín a vivir nin a sentir.

 

Nunca mais a vin a pesar de que cada vez que volvo co meu barco a Muxia  e me achego a mesma praia e miro na mesma rocha, xamais se volveu amosar . As veces cando no barco en que traballo pasamos preto de algunha rompente os días de temporal, creo volver a escoitar aquela doce melodía, e si pecho as miñas pálpebras, podo volver a sentir aquela mirada , mirada que foi capaz de namorarme en un solo segundo, para toda unha eternidade.

 

Con agarimo para a miña descoñecida amiga