Solpor en Fisterra ( camiño de luz)


 

De seguro, foi profundo o acoro e o espanto que infundiu nos homes antigos a visión que experimentaron ao chegar a estas terras, lugares nos que se ollaba un infindo  océano no que tan so se albiscaba o horizonte onde se mergullaba o sol entre volutas de lume e xofre que saian de entre as ondas o "arde-lo mar", como se o céano o devorase, ao tempo que se escoitaba un fondo queixume, un laio que facía encoller o corazón dos homes que o escoitaban pro primeira vez, crenza que aínda hoxe comparten algunhas xentes deste  finis terrae.

A lenda da Ara Solis, quizais de orixe grega, refire que o pobo caldeo, que adoraba o sol, decidiu un día buscar o agocho do astro durante as horas da noite. Abandonando o seu país, os caldeos comezaron o seu camiño cara a Occidente. O derradeiro lugar ao que chegaron foi Galiza, onde se decataron de que o mar lles impedía continuar, ó mesmo tempo que descubrían que o Sol se afundía no océano. Convencidos de que entre as augas pasaba o astro adorado as horas da noite e abraiados perante aquel prodixio, decidiron construír naquelas terras un altar ao que puxeron de nome Ara Solis.

Hai quen afirma que o cáliz e a hostia do escudo de Galicia son unha representación simbólica ou filtrada pola relixión cristián do sol sobre a Ara Solis.