10, abr
Mellora da sustentabilidade do xurelo procedente do arrastre de litoral extensibles a todos os produtores desta especie
En: cousas do mar
A través dunha orde publicada no Diario Oficial de Galicia, a frota dedicada a este recurso pesqueiro deberá limitar as descargas e as vendas en lonxa desta especie a 4.500 quilogramos diarios por buque
A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG nº 62 do 31 de marzo de 2009) unha orde pola que determinadas normas orientadas á mellora da sustentabilidade do xurelo procedente do arrastre de litoral se fan extensibles a todos os produtores desta especie. Estas medidas foron adoptadas a través de diversos acordos coa Organización de Produtores de Pesca Fresca Pescagalicia (OPP-31), a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-07) e a Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e a Ría de Marín (OPP-08), e deben ser de obrigado cumprimento por parte dos membros e non membros das devanditas entidades asociativas.
Así, segundo fixa a orde publicada no DOG, dende a súa entrada en vigor e durante un período de tres meses, as descargas nos portos e centros de descarga e a primeira venda nas lonxas de Galicia de xurelo procedente da frota de arrastre de litoral limitaranse á cantidade máxima de 4.500 quilogramos diarios por buque. Ademais, deberase respectar o descanso semanal que establece a lexislación vixente, así como os horarios e días de actividade fixados para esta pesqueiría (o Art. 84 do Decreto 424/93 establece que o arrastre costeiro ou litoral nas augas de ámbito territorial de Galicia deberá cesar na súa actividade como mínimo desde as 00,00 horas do sábado ata as 24,00 horas do domingo, período no que permanecerá na súa base).
Por outra banda, a limitación que establece a normativa aplicarase ás descargas e á primeira venda das capturas que se realicen polo conxunto da frota de arrastre de litoral nos portos, centros de descarga e lonxas de Galicia. Da mesma forma, farase extensible aos produtores membros ou non membros das entidades que adoptaron estas medidas unha vez esta orde sexa efectiva, que será no prazo de oito días dende o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Os acordos referidos á adopción de medidas tendentes á acadar a sustentabilidade da pesqueiría do xurelo foron adoptados pola Organización de Produtores de Pesca Fresca Pescagalicia (OPP-31), a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo(OPP-07) e a Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e a Ría de Marín o 2 de decembro de 2008, o 25 de novembro de 2008 e o 20 de xaneiro de 2009, respectivamente.
A adopción das citadas regras por parte do sector veñen recollidas no artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000, polo que se establece a Organización Común de Mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura. Nesta normativa comunitaria disponse que no caso de que unha organización de produtores, considerada representativa da produción e comercalización nun ou varios lugares de desembarque e unha vez o solicite ás autoridades competentes do Estado membro, pode facer obrogatorias para os non membros da devandita organización as normas de produción e comercialización que se tiveran acordado. En todo caso, estas medidas deberán responder aos obxectivos de garantir o exercicio racional da pesca e mellorar as condicións de venda da súa produción.
Muros e mailo Mar ///
Fomos ficando sós o Mar o barco e mais nós
Escribe un comentario