Corcón e mais un servidor na proa do Meira da Costa


 

 

O pasado mércores o equipo do programa da TVG "SALITRE" , pasouse por Muros, agardaban a chegada a porto do MEIRA DA COSTA, para facerlle unha entrevista ó seu patrón, que casualidades da vida, son eu!.

Co seu condutor e director , X. H. Rivadulla Corcón, falamos largo e tendido dende a proa do MEIRA das cousas do mar, de naufraxios, da bitácora de HOMESDEPEDRA, e da vida da xente do mar.

O programa emitirase, probablemente en setembro, xa vos terei informados da data de emisión. Como adianto, unhas fotos da entrevista.


 

Os camaras atentos o entrevista


 

O mar como filosofia de vida


Os membros do "SALITRE" achegáronse a Muros, para falar coa súa xente do mar. Entre os entrevistados topábase un Home De Pedra  nervioso, azorado pola presencia das cámaras, que apenas acertou a falar un chisco de todo o que leva dentro. Medo escénico? Probablemente.

Nun intre previo a entrevista, ocorréuseme preguntarlle a Corcón se algunha vez andou o mar, e respondeume que non. Pero eu podo asegurarvos , que Rivadulla Corcón é un HOME DE MAR, así con maiúsculas. Embutido dentro das súas botas de augas, noviñas do trinque, sen unha escama de peixe sequera enriba e cuberto pola súa boina , adminículo mariñeiro onde os haxa, pero chantada sobre a súa caluga o modo e xeito militar, podería parecer calquera cousa menos un mariñeiro.

Pero o abrir a súa boca e falar comigo, o salitre e a maraxe dun muxián, ían pegadas a cada una das verbas que espelía o seu alento.

Hai mariñeiros que toda unha vida andando o mar non os converte en Homes de Mar, hai persoas que nunca andaron sobre as ondas que son uns tremendos HOMES DE MAR. Un destes últimos,sen dubida é X.H. Rivadulla Corcón