Logo de toda a semana no mar, cheguei a Muros o venres a última hora. Canso como estaba non me decidín a baixar a Vila, descansei unhas horas e as sete da mañá do sábado xa estaba no peirao de Muros. Aínda a luz tenue do abrente reinaba no ceo, as rúas da Vila estaban desertas, os barcos na dársena coas súas velas recollidas semellaban unha fraga de mastros.   Coa cámara de fotos na man, fun recollendo instantáneas de todo o que me saia o paso, non me chegaban os ollos para  a ver, tiña que certificar de algunha maneira o que estaba vendo, e a cámara era a miña fiel notaria nesa tarefa.
Tiña que recuperar os dous dias perdidos, o xoves e mailo venres . Tiña que comprobar como nos peiraos do porto, nos pantalans da dársena, nas rúas da vila se estaba a vivir a festa do mar, a festa da cultura mariñeira.
Pouco a pouco a Vila foi despertando , primeiro os bares (os mais madrugadores) prepáranse para recibir o alubión de xente que se espera, logo as fiestras das casas íanse abrindo o novo día e mais tarde as  portas franquéanse para deixar saír os seus moradores.
Nas caras dos veciños adiviñábase (ou a min a si se me antollaba) un xesto entre ledo e orgulloso, orgullo de ver o pobo tan ben enfeitado para a ocasión. De tódolos balcóns penduraban motivos mariñeiros, redes aquí, nasas alá, unha poutada acolá... Na praza do Cristo unha lareira que servía para afumar sardiñas, na do mercado un secadoiro de congros, dunha casa preto da Calle Ancha penduraba unha vela que cubría case toda a súa fachada. Todo Muros exhalaba mar; as súas pedras, salitre e as súas xentes... ah! As súas xentes, ben merecido orgullo.

Mulleres e homes, mozos e mozas saian as rúas lucindo galas para a ocasión, elas, saia, refaixo, blusa e touca; Eles pantalón negro, camisa branca, chaleque e boina. Eu parecía mesmo un turista vestido de"moderno" e coa cámara na man!

Os tripulantes dos barcos comezaron a preparar a súa saída o mar,. A fraga de mastros da mañá, tornou como por arte de maxia en batahola de velas erguidas o vento. Armáronse os remos, acendéronse o motores e pola bocana do peirao foron desfilando paseniñamente  cara a ría. Puxen a miña cámara en modo branco e negro, quería que as fotos se tinguisen do descolorido ton de fai 50, 60 ou 70 anos, daquelas imaxes onde se ve a mesma dársena chea de lanchas, de aquel tempo no que esas embarcacións non eran aínda tradicionais, senón que eran o instrumento que permitía os nosos maiores gañarse a vida.
A media mañá e coa Vila fervendo xa de xente, fun hasta o mercado de abastos, onde había unha exposición de maquetas de barcos. Xunto con varios homes mais, tocábame de avaliar o arte dos seus construtores. E sabedes cal levou o  primeiro premio por unanimidade?, a maqueta de unha lancha xeiteira... Non podía ser de outra maneira!!!

(continuará) ...creo

 Unha cunca de viño, que veño seco