Da muralla que cercaba a vila de Muros medieval, Don Berenguel fala no preito Tabera-Fonseca, o 15 de marzo de 1527, Pedro Lorenzo de Sarnón, veciño de Noia, cando é "preguntado si las villas de Noia y de Muros tienen fuerças", respondendo "que la villa de Muros es una villa de las mejor çercadas que ay en todo el arçobispado de Santiago". Xa podía dicilo, dita muralla estaba refeita recentemente. O arcebispo Fonseca-fillo, que nomeara xustamente a esta testemuña para o preito co arcebispo Tabera, mandara facer outra cerca con boa pedra no1520, en premio tamén polo apoio recibido da vila de Muros en 1511, cando, ó pouco de ter chegado a Galicia, resulta prendido e desterrado de Compostela pola Audiencia de Galicia, que intercedía así a prol do Conde de Altamira, Rodrigo Osorio de Moscoso, pertigueiro da Terra de Santiago, en loita co arcebispo polo control do arcebispado. Dise que a vila de Muros non tiña máis cunha "simple cerca" para se protexer, pero documentación recentemente publicada do "Tumbo de la Luminaria de San Pedro e Santa María de la villa de Muros" amosa repetidamente, entre 1384 (primeiro ano do Tombo) e 1484, a existencia dunha rexa muralla medieval, chamada "cerca" ou "muro do concello", que vai resistir ó ataque portugués de 1389, seguida doutra muralla modera coa denominación "muro de la villa" (mencionada así nos anos 1539 e 1662), nunha clara referencia á cerca feita, no 1520, polo novo arcebispo Fonseca de que nos fala a testemuña Pedro Lorenzo, da cal ficou en pe unha torre defensiva da muralla, cun escudo dos Fonseca, chamada "do reloxo" (colocouse en 1815), edificación hoxe desaparecida.
Da época medieval descubríronse, no século XX, restos da primeira muralla onda igrexa de Santa María do Campo (1), xunto cunha moeda de Afonso IV, que reinou en Aragón nos anos 1327-1336, o que permítenos establecer a construción do "muro do concello" de Muros como sistema defensivo na segunda ou terceira década do século XIV, máis ou menos igual que a súa vila xemela de Noia, ambas se fortifican cando entramos xustamente na virulenta Baixa Idade Media. A Torre de Muros que, xunto co Tapal de Noia, aparece na documentación baixomedieval compostelá foi construída, por tanto, despois de entrar Muros en 1299 -131 anos despois de Noia- na órbita arcebispal, estaba así mesmo situada -segundo o preito Tabera-Fonseca- "en la misma çerca", tiña "dos almenas" e era tamén coñecida como a "torre de los presos". Desde esta Torre de Muros os alcaides-xuíces nomeados polos arcebispos composteláns viñan dominando a vila co seu alfoz, fundamental -mentres nos se constrúe o castelo de Outes para o control da ría de Muros-Noia, Xallas e Fisterra.
Dúas características diferencian, así e todo, as orixes medievais das vilas de Muros e Noia: a Poboa de Muro era de El-Rei, cando Noia pertencía ó arcebispo de Santiago, o que permitiu os reis de León e Castela, ó longo do século XIII, una influencia importante na ría de Muros -mediatizada polos primeiros Mariños- que viña sendo a entrada por mar á cidade de Compostela, en disputa así mesmo naquel entón entre a Catedral e a Coroa; a grande extensión do alfoz rural de Muros, que ademais das parroquias rurais actualmente no concello de Muros (Abelleira, Esteiro, Sestaio e Torea), abranguía catro máis que séculos despois constituíron o concello de Outes (Sabardes, Roo, Entíns e Tarás), no medio das cales o arcebispo de Santiago terminou por edificar o castelo roqueiro de Outes, que daría lugar a capital do municipio.
Hai que dicir que as torres arcebispais de Noia e Muros no foron afectadas polo vendaval irmandiño (a diferencia das torres de Santiago, Pontevedra e Padrón), constando a principios do século XVI, no preito Tabera-Fonseca, como máis o menos activas e habitadas, se acaso con estragos nos sobrados, corredores ou almenas. Con frecuencia a revolución irmandiña contra as fortalezas fai excepción das torres urbanas, e máis aínda coas murallas dos concellos, calquera que fora a súa teórica xurisdicción, posto que constituían as únicas defensas de pedra da Santa Irmandade do Reino de Galicia, demandada e organizada en boa medida por e desde as cidades, cuxa acción estaba orientada antes que nada contra fortalezas rurais, como o castelo de Outes, innecesaria -confesa 60 anos despois con certa retranca Pedro Siso, rexedor de Santiago- "teniendo tan çerca las villas de Noia y Muros, y estando en medio de ellas".
Xente belicosa
Si algo teñen en común os veciños de Noia e Muros, e os campesiños dos seus alfoces (incluídas as parroquias rurais do que será contemporaneamente Outes), é unha tradición rebelde -"gente belicosa", dirá o cardeal Jerómino del Hoyo- influída pola proximidade -e a miúdo irmandade- con Santiago de Compostela, vía de entrada en Galicia dos movementos comunais europeos, a partir do século XII. Fraternidade interurbana na Terra de Santiago intensificada pola refeudalización de Galicia logo da victoria trastamarista en 1369, que agravou así mesmo as loitas intestinas entre os grandes e pequenos señores laicos e eclesiásticos, cabaleiros e arcebispos, polas xurisdiccións rurais e urbanas da Terra de Santiago, focalizadas dende mediados do século XV entre os Fonseca e os Moscoso. Guerra interseñorial que as cidades arcebispais utilizaron á súa comenencia apoiando e apoiándose alternativamente nuns ou noutros, segundo a conxuntura, excepto nos anos 1467, 1468 e 1469 que tiveron oportunidade, e azos, de ir contra ámbolos dous bandos nobiliarios, e gañar.
Extracto do traballo de Carlos Barros "A revolta irmandiña en Noia, Muros e Outes"
(1) Santa María do Campo pasa a ser a Colexiata de Santa María en 1504; hoxe é a igrexa parroquial de San Pedro de Muros.
Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados