O poder do caciquismo e as sagas dos Montero e dos Bugallal en Muros no primeiro tercio do século XX
Eugenio Montero Rios
En xeral, a representación política da Galicia do século XIX foi desempeñada por membros das elites tradicionais galegas, tanto da fidalguía ou pequena nobreza, como de sectores profesionais e comerciais.
A fortaleza dos políticos galegos manifestábase tamén no control férreo que moitos deles puideron facer dos seus distritos electorais. Houbo deputados como Eduardo Vincenti, xenro de Montero Ríos, que se mantivo durante 36 anos de forma ininterrompida como representante en Cortes do distrito de Pontevedra. E algúns outros, como o ourensán Senén Canido, a familia Ordóñez en Tui, Guillermo de Osma en Monforte, Ángel Urzáiz en Vigo, Luis Espada en Verín ou Quiroga López-Ballesteros en Lugo que superaron as dez eleccións seguidas. A estabilidade dos distritos electorais galegos foi bastante elevada.
Esta situación fomentou a creación de familias políticas, nas que os vínculos de sangue ou parentesco eran moito máis fortes que os ideolóxicos e políticos. As tres principais familias da época foron as encabezadas por Montero Ríos, con presenza nas catro provincias galegas; a dos Bugallal, de especial raizame en Pontevedra e Ourense; e a de Vega de Armijo, que se apoiaba no gran potencial da familia Riestra en Pontevedra.
EUGENIO MONTERO RIOS foi cabeza dunha ampla familia sanguínea e política (confundidas ambas). O enramado de intereses montado en torno a este político acadaba a maior parte da Galiza de comezos do século XX. Á súa residencia de Lourizán (Pontevedra) acudían os políticos, periodistas e homes destacados da época en peregrinación como se dunha "meca" se tratar.
EUGENIO MONTERO VILLEGAS:
Naceu en Madrid en novembro de 1873, fillo de Eugenio Montero Ríos e Avelina Villegas Rubiños.
Estudou Dereito en Madrid e licenciouse en Dereito Civil e Canónico.
Como sucedeu co seu irmán Avelino, en canto cumpriu a idade regulamentaria, é dicir, os vinte e cinco anos, a familia conseguiu situalo no distrito de Cambados, aproveitando que o 6 de setembro de 1898 morrera o deputado deste distrito Antonio Díaz de Rábago.
Non era, porén, o distrito que a familia destinaba para o noso político. O distrito de Muros era un deses distritos alternativos en que non había un deputado enfeudado. Por iso a partir das eleccións de 1899 e hasta 1916, Montero Villegas saíu elixido por Muros en sete lexislaturas consecutivas. En 1917 obtén a acta do distrito José María Paramés orixinario de Ponteareas e estreitamente vinculado cos Bugallal co que continua a saga caciquil, agora de outra familia, o fronte do distrito de Muros.
Para saber mais: El poder de la influencia: geografía del caciquismo en España (1875-1923) por Josep Armengol i Segú
Escribe un comentario
Los comentarios están cerrados