SE NO AMENCER deste día puidésemos voar por riba da nosa terra e percorrera en todas direccións, asistiriamos a marabilla dunha mañá única. Desde as planicies de Lugo, infestadas de bidueiros, ata as rías de Pontevedra, orladas de piñeirales; desde as serras nutricias do Miño ou a gorxa montañosa do Sil, ata a ponte de Ourense, onde lle peitean as augas de ambos os dous ríos; ou desde os cabos da costa brava da Coruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, ata a cima do monte de Santa Tecla, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xorde unha alborada de gloria. O día de festa comeza en Sant-Iago. A torre do reloxo repenica o seu grave destino de bronce para anunciar un novo día, e axiña comeza unha muiñeira de campás, repicada nas torres do Obradoiro, que se comunica a todos os campanarios da cidade. Pero hoxe as campás de Compostela anuncian algo máis que unha festa litúrxica no interior da Catedral, con dignidades mitradas e ornamentos marabillosos, de brocados e ouros, con chirimías e botafumeiro, capaz de dar envexa á mesma Basílica de Roma. Hoxe as campás de Compostela anuncian unha festa étnica, filla, tal vez, dun culto panteísta, anterior ao cristianismo, que ten por altar a terra nai, alzada simbolicamente no Pico Sagrado; por cobertura o fanal inmenso do universo; e por lámpada votiva, o sol ardente de xullo, o sol que madura o pan e o viño eucarístico. Por iso a muiñeira das campás, iniciada en Compostela, vai rodando por toda Galicia, de val en val e de cima en cima, desde os campanarios orgullosos da beira do mar ata as humildes espadanas da montaña. E o badaleo rítmico das campás - de todas as campás de Galicia en alegre algarabía - semella o galopar dos cabalos astrais, que veñen pola bóveda celeste, topeteando co carro de Apolo, que trae luz e calor ao mundo en sombras. Hoxe é o Día de Galicia, e así comeza.
( Alba de Gloria, Castelao)
Muros e mailo Mar ///
Fomos ficando sós o Mar o barco e mais nós
Escribe un comentario