En calquera beira pode sentirse a brisa mariña. Chega desde lonxe, portando un sopro de aire fresco, a miúdo necesario.
Ollar a inmensidade dun océano é a mellor forma de observar o horizonte, no que ceo e mar son, ás veces, indistinguibles na distancia, alá onde apenas acada a vista.
A placidez dun mar en calma é como a confianza que pos en alguén que che defrauda: traizoeira, capaz de converterse nunha trampa infranqueable.
O azul infinito pode cubrirse ao instante coa peor das tormentas, facendo tremer corazóns por veces xa de por si atormentados.
Mariñeiro sen veleiro, navegante sempre errante, deixa atrás portos e baías sucando no seu barco as ondas, sen rumbo, en busca da resaca que deixou, quizá,  algún  amor perdido nalgún afastado porto.
Néboas e brétemas ameazan a súa ruta, ventos e tempestades azoran a súa alma. A corrente arrástrao á deriva, afundindo entre silenciosos queixumes, afogado pola pena.
Náufrago de sentimentos, sedento de emocións, deixa escritos mensaxes tal vez carentes de razóns, mensaxes sen sentido que guinda as ondas esperando que cheguen a ningures.
Unha botella queda varada nunha praia deserta, nunha espera sempre viva.
Porque nunca todo ten que chegar a algún destino.