
Nesta imaxe pódese ver a Luís (sinalado cunha frecha) xunto os cabezudos nalguha festa de Muros
O meu amigo Marcelino escribiu fai uns anos para a revista que edita a Comisión de Festas do Carme de Muros este bonito relato cheo de tenrura en memoria do que durante moitos anos foi veciño desta Vila "Luís o do Hospitalillo", que nin era muradán nin se chamaba Luís... é que os de Muros somos así!
Tódolos anos cando chegan estas festas patronais, a Virxe do Carme ou San Pedro, xurde de súpeto no meu maxín a imaxe de Luisiño do Hospitalillo. Era coma un número máis do festexo e a súa falta dáme a mesma impresión de que á solemnidade da celebración fáltalle algo, poñamos por caso a banda de música, os foguetes ou a a misa cantada.
O Luisiño non naceu en Muros. Segundo me dixeron o seu nacemento foi en Esteiro, de onde era tamén súa nai aínda que esta era oriúnda de aquí. Nin tampouco se chamaba Luís; o seu nome de pía era Dionisio. Tiña un irmán chamado Luís que tivera algo que ver coa xustiza e estivo preso no penal de Santoña, que por certo cando as forzas de seguridade andaban na súa procura foron dar co Dionisio, o noso Luisiño, que ó decatárense que era todo un infeliz sen malicia e moi escaso de siso foi cando se aclarou o cambio do nome, se ben esta circunstancia afectou moito no escaso sentido do noso home.
Luisiño, que posuía unha faciana tan bonita que mesmo semellaba un anxo fuxido dun retablo barroco, non tiña a ninguén de seu. Chegou a Muros de moi neno abandonado por súa nai e levárono, coitadiño, para o Hospitalilo onde botou anos e anos ata que xa moi desgastado pola idade e enfermidade houbo que levalo a un asilo a Santiago, que bo traballo custou. Era toliño; pero tamén moi dócil, moi falangueiro, moi boíño e de seguidiña ganou a simpatía da xente, maiormente a da Praza de Arriba onde está o mercado, que era onde el, o malpocadiño, estaba sempre. Todos lle daban de comer, nunca lle faltou mantemento, vestimenta nin calzado. El tamén era moi merecente deso, pois nunca se negou a facer algún recado ou labor que lle mandasen fora o que fora, devolvendo sempre a volta dos cartos sen quedarse nin cunha perrachica.
Tiña outra chata tamén, que era un chisquiño tatexo; pero o seu típico gaguexar repetindo dúas ou tres veces a maioría das palabras, facíao aínda máis simpático. Nunca tivo o Luisiño unha pelexa nin rifa con ninguén, todo á contra, decote ríndose ou cantando, falándolle tanto ós coñecidos coma ós alleos foran da vila ou forasteiros; a súa sinxeleza e o seu engado non llo escatimaba a ninguén. Emporiso os rapaces, que son moi crueles, metíanse a cotío con el. Tal vez por mor daquel contratempo que dixemos antes, de que os gardas que buscaban ó seu irmán Luís foran a pé del, e tamén de que tivera que pasar recoñecemento médico militar para non ir ó servicio; tíñalle fobia, noxo, xenreira a todo o que fose pendencia. O seu era a tranquilidade, o sosego e a paz. Pero os rapaces, non todos, cando o vían berrábanlle: "Luís, aí ven un barco de guerra a buscarche para o servicio". E o apoucado daba en chorar mentres aqueles malcriados proseguían vociferando cada vez máis ata que o Luisiño, miña almiña, moi exaltado mordíase ata que lle chorreaba o sangue a cachón polas dentadas que mesmo daba mágoa, verdadeira pena. E xa fóra de si, corríaos ás pedradas ata que a xente maior os liscaba, reprendéndoos, ós energúmenos. Este feito, por desgracia, repetíase con frecuencia.
Tamén os rapaces se metían con el dicíndolle: "¡Luís! ¿Vou contigo?" e el berraba "¡Non! ¡Non quero!" Que se non lle dicías nada podíase ir con el a onde se quixera que non era de mal facer, todo á contra, era un santiño. Pero como podedes apreciar, malia a que era escaso de siso sabía moi ben seleccionar as súas amizades, virtude que, as máis das veces, non saben escolmar os asisados.
O que máis lle gustaba a este homiño bo, era aledar ós nenos. Onde estivesen os cativos alí se presentaba el para agarimalos e facerlle chistes. Levado deste afán tan churrusqueiro para coas criaturas, mesmo ata que non puido máis, foi sempre de "cabezudo" cando estes saían co gallo das festas. Era algo así como se dixéramos o xefe que, ben mirado, merecíao por idade, dignidade e antigüidade. O moneco (cabezudo) preferido del era "A bruxa". Por eso era o primeiro en chegar ó Concello que era onde se gardaban os bonecos ("A casa dos Cabezudos", chamáballe el, e ó mellor tiña razón) para ir de "Bruxa". Coñecíao todo mundo por mor de que de todos da comparsa el era o que máis brincaba e o que máis chanzas lle facía ós meniños. Pero o pobriño cando os picariños lle tiñan medo "A Bruxa" e se resgardaban no colo das nais, as brincadeiras del era aínda máis aparatosas, e canto máis brincaba máis os rapaces berregaban e aquelo mesmo era un vindeover. Se nas festas non saían os cabezudos, pero si as bandas de música e os gaiteiros daban as consabidas dianas e alboradas, o noso home non perdía unha e sempre ía un ou dous pasos diante do señor director como marcándolle o itinerario que tiña que seguir. E non digamos xa as procesións e os concertos. Era toliño; pero era tamén melómano que nada ten que ver unha cousa coa outra.
Pero chegou un intre que tiña que chegar, que nos chega a todos, en que o Luisiño que era moi afeccionado as pneumonías xa non podía máis. Cando ás persoas que estaban no Hospitalillo levaranas para asilos de Santiago, Luís negouse en redondo a ir e quedara no mesmo establecemento benéfico pero só para durmir, cousa que non lle importaba porque a xente xa lle daba de comer e de vestir. Mais cando se puxera novamente enfermo deixáronlle ou alugáronlle, eso xa non o sei, un soto que llo amañaron para el. Nel estivo unha tempada, mais a enfermidade agravouse e necesitaba uns coidades que a xente, aínda coas mellores intencións, non podía facerllos e houbo que tratar de levalo para Santiago como tamén recomendaban os médicos.
Pero el era remiso a marchar. Non quería e non quería e prefería morrer aquí. Por fin o cura da parroquia puido convencelo de que o acompañase a Santiago, e levouno a un asilo. Polo camiño foille dicindo que tiña alí unha horta grande e que lle facía falta unha persoa de toda confianza para que non lle foran os rapaces; pero o Luisiño non entraba polo aro e emperrenchado en que non. Por último xa non había máis que falar, o bo de cura pediulle que, tratándose da amizade que tiñan, que lle fixese o grande favor de quedarse de garda uns días. E o Luís meneando a cabeza dun lado para outro, e tatexando coma sempre díxolle: "Quédolle tres días; pero ós tres días véñame a buscar sen falta". E neso quedaron. O señor cura no intre da despedida díxolle: "Luís, non quero que deixes entrar a ninguén; en canto eu non estea ti es o que manda na horta. Que non me entre nin un só rapaz". O Luisiño, meu coitado, contestoulle: "Descoide, don Casimiro, o que entre aquí xa non sae". E que ben acertou, así mesmiño foi: el entrou alí e xa non saíu máis. Dicía a defunta de miña aboa, a filósofa, non a mística, que soamente os tolos e os nenos din as verdades.
E alí estivo o Luisiño que xa foi de vello, enfermiño e case ceguiño, ata que morreu. Lembrábase moito do seu Muros, e preguntaba por todo o mundo, maiormente polas súas amizades da Praza de Arriba; pero estivo feliz. Non lle faltou de nada, coidado, atendido, limpo, levándose ben con tódolos compañeiros e os compañeiros con el, pacífico e fumando, que era o vicio que tiña xa aquí. Outro non se lle coñecía. Dicía unha monxiña que tiñan que ter moito coidado cando tiñan que ir á horta, pois se non se acordaban de pedirlle permiso, ó decatarse Luís berregaba coma un energúmeno: "¡Fóra da horta!". Entón a monxa ía a pé del e dicíalle: "¿Luís, déixasme ir á horta a tender esta roupa?" E no intre el xa lle respondía "Si, si, si, si.". Esa era toda a maldade do Luisiño.
Pero eu non quero facer aquí e agora un panexírico do Luisiño, nin unha loa, nin unha apoloxía; nin sequera campaña electoral. Eu quería si, que o Concello de Muros en calquera parque infantil da vila, e ó dicir da vila refírome a parroquia de Muros, non a ningunha outra porque de todos é sabido que desta parroquia levan as cousas para outras, e dicir: espir a un santo para vestir outro, que erguesen un monumento, ou un monolito, un obelisco, unha placa ou unha simple inscrición. Calquera cousa, calquera estima, que perpetúe o nome deste home, amante e amigo dos rapaciños, que xogaba con eles porque era tan inocente e tan neno coma eles e consumíase por facelos rir e telos contentos. El foi toda súa vida un neno, non tiña máis capacidade cá un neno; foi neno de neno, foi neno de mozo e foi neno de vello. Pacífico sempre, inimigo de liortas e porfías, e... fumador, eso si.
Tiña o costume, aínda que tivera tabaco, de pedir sempre un cigarro; e se llo dabas xa che pedía outro para despois, e de seguido outro para máis tarde, e se non te marchabas acabábache co paquete. Era o único que pedía: tabaco; outra cousa non. Lémbrome coma se fora hoxe, que un día antes de xantar atopeime con Luisiño, xa moi eivado o pobre, paseando ó sol na porta do Camposanto. Faleille coma decote e díxome: "Dáme un cigarro" - "Non fumo, Luís", contesteille a verdade. E sentencioume: "Pero non fixen mal en pedircho, que así como non o tes, podías telo ¿non si?". E con esta douta e asisada contestación que non se lle ocorrería a un cordo, volvín a darlle a razón a defunta de miña aboa.
Eu sei que o Luisiño no foi ningunha eminencia, nin un intelectual, nin catedrático, nin sabio; nin artista, nin artesán, nin cousa polo estilo. Foi un neno grande tan escaso de facundia como exento de pibela, bo e quizais no seu tempo, senón a figura máis popular, unha das máis populares da vila. Pero tamén é certo que dos outros, dos que nomeei antes, dos famosos, dos célebres e sonados, hóuboos e hainos; e que eu saiba sobran dedos dunha man para contar os que foron distinguidos e premiados, por certo moi merecidamente, polo noso concello. E o que son as cousas, algúns destes eximios muradáns fóra de aquí e incluso en outra nación, foron condecorados, distinguidos, homenaxeados e honrados dándolle o seu nome a rúas, e soerguéndolle estatuas. E na súa vila nadal nin o máis mesquiño recoñecemento. ¿Qué interese ten o concello en non considerar e agasallar como se merece a valía dos seus fillos máis preclaros? ¿Ou é que Muros máis que unha nai para os seus fillos é unha desapiadada madrasta? Emporiso ó mellor outórganse recompensas por unanimidade (e subliño o de por unanimidade para que non se podan tirar a pelota os "nosos" e os "deles", pois todos edís dan a súa conformidade) a quen, abofé, non é tan merecente dun galardón coma o noso Luisiño.
Coido que en Muros soamente hai unha rúa que leve o nome dun muradán, que é a Rúa de Don Diego. Uns anos atrás unha praza das máis principais da vila levaba o nome de outro ilustre médico tamén fillo de Muros, famoso en Europa, Catedrático e Decano da Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, patriarca dunha dinastía de catedráticos aínda hoxe; pero hai moi poucos anos á devandita praza, inda que conserva a placa sen dúbida por esquecemento, oficialmente cambiáronlle o nome. ¿Motivos? Ignóroos.
Se nestas festas da Nosa Señora a Virxe do Carme, saen ás rúas as comparsas de Xigantes ou Mómaros e Cabezudos, con toda seguranza Luisiño dende aló do Alén, contemplará gozoso e satisfeito o desfile, aínda que observará con lupa os movementos da súa favorita "A Bruxa". Mais pola contra, que todo pode suceder, non saen, desgustado e tristeiro, aseverará o que, desgraciadamente, está na mente de moitos muradáns: Muros cada día vai a menos.
Que a Virxe do Carme non o consinta, e que pasedes todos unhas moi Boas Festas.
Marcelino García Lariño
Muros, Xullo de 2005.
Muros e mailo Mar ///
Fomos ficando sós o Mar o barco e mais nós
2 comentarios
frenteoviolan
23 nov 2009 | 09:10 PM
No meu pobo hai un persoaxe parecido, chamado Manoliño de Araju, moi coñecido por todos, e que ten a sua xente fixa que lle da diñeiro, e como dcimos nos "cobra o imposto revolucionario".,e q e moi querido por todos, e agora tamen esta pasando un momento delicado de enfermedade. Teño moitas historias que contar del, pero non teño tempo hoxe.
saudos
Mila
24 nov 2009 | 04:08 PM
Luis era un ser entrañable. Pero para mín era "Luís da Plaza", porque na Praza do mercado pasaba case todo o día. Luís formaba parte das nosas vidas e coñecíanos a todos os que vivíamos por alí. Luís vai por tí alí onde esteas
Escribe un comentario