Este sábado pasado tivo lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Muros a presentación do libro de D. Domingo Guerra París "ACTIVIDAD ECONÓMICA MURADANA" (Una Vision Subjetiva) .

O acto foi un completo éxito, coa asistencia de arredor de duascentas persoas que ateigaban o local, tendo algún dos  presentes que aturar a incomodidade de  estar de pe durante a súa celebración.

Dou a benvida os asistentes ó acto o autor do libro, para logo intervir  D.Francisco Abeijón Núñez que foi quen me dou paso a min, para logo rematar intervindo D. Pedro Martínez Formoso.

O acto foi pechado por Domingo que fixo unha pequena escolma dos apartados do libro para logo pasar a firma dos exemplares.

Poño aquí as miñas verbas na espera de que Pacucho, Pedro e Domin me fagan chegar as suas para tamen colgalas.


Estimado auditorio:

Seguro que mais de un de vos estádesvos a preguntar que é o que fai aquí nesta mesa un mariñeiro presentando un libro titulado “ACTIVIDAD ECONÓMICA MURADANA”, un libro sobre economía!  Conste que eu tamén mo preguntei algunha vez antes de ler o libro.

E aparte do obvio, que é a amizade que me une co autor; O que me impulsa e motiva a estar hoxe aquí, é que esta obra abrangue e fala de algo que a todos os veciños nos interesa, ou debería interesar de algún modo, que é a actividade económica do noso concello, as contas de Muros, vamos!.

Domingo, como bo economista que é, fai un repaso polos grandes números do municipio desta ultima década, pero utilizando sempre unha linguaxe sinxela e uns termos aptos e “asequibles” incluso, para os que coma min, están berrados dende sempre cos números.

Pero esta obra non está escrita única i exclusivamente pola man e coa mirada dun experto en economía, nin centrada tan so na fría obxectividade das cifras, senón que tamén está feita dende o corazón dun muradán que o é, e que se gaba de selo.

Pero o amor pola vila nunca debe nin pode ofuscar a nosa razón, nin agochar o noso entendemento, e Domingo, amósanos unha realidade ben tanxible, medible e “cuantificable”... que é mais ben deprimente, e que empurra negativamente a vida económica de Muros. Coa axuda dos incontestables datos que aporta, podemos apreciar a desalentadora curva descendente económica e demográfica que lastra ó noso concello nestes últimos anos. Envellecemento da veciñanza, falta de relevo xeracional , emigración, paro... Estes son algúns dos problemas máis evidentes e “acuciantes” que nos afectan atenazando o despegue económico da comarca muradana.

Somos un concello en recesión, e este traballo que agora aquí presentamos, axúdanos a entender as claves do porqué aportando tamén algunha idea para tratar de remedialo.

Leo literalmente un paragrafo do libro. “Muros es un municipio dotado de un enorme potencial para que el turismo de ocio se convierta en una de sus principales fuentes de ingreso. Pero es necesario que se desarrollen estrategias adecuadas para obtener la máxima rentabilidad posible y, al mismo tiempo, es fundamental que estas actuaciones sean compatibles con mejoras de la calidad de vida de los habitantes...”

Muros non é un concello industrial, e salvo honrosas excepcións, non posúe un tecido produtivo con capacidade para acoller a man de obra cada vez mais cualificada da nosa mocidade, de maneira que, os nosos fillos, logo de realizados os seus estudos, teñen case obrigatoriamente que buscar traballo en outros lugares censándose en outros concellos e polo tanto restando xuventude e vitalidade o noso .

Pero Muros ten infinidade de cousas polas que devecerían moitos concellos; E aparte das nosas magnificas praias que atraen o turismo estacional, temos moitas outras que ofertar, que sendo potenciadas de modo adecuado poderían aportar os ingresos de un turismo que non só busque sol e praia, porque este, tan só cubre escasamente dous meses do ano.

Sexamos realistas, e centrémonos nos aspectos onde Muros pode competir e medrar; Temos historia, temos paisaxe, temos arte, temos mar, temos unha vila como hai poucas que conserva un cada vez mais coidado casco histórico único en toda Galicia. Temos tradicións centenarias que de seguro interesarían a moitos forasteiros... se as coñecesen; Posuímos unha ría fermosísima e moi axeitada para calquera actividade náutico-deportiva, pero todo isto hai que amosarllo ó mundo, e iso lógrase con intelixencia, anticipación, traballo e sobre todo con promoción. Isto último é o que fai Domingo coa súa obra, traballar e promocionar dende a ollada particular do seu ámbito profesional ó concello de Muros.

Pero... e sigo lendo do libro: “La experiencia demuestra que no es suficiente contar con recursos turísticos singulares, sino que es necesario, además, entender que es una labor que se desarrolla en sociedad”

Por iso, ante todo e sobre todo, o maior e mellor activo que ten Muros é a súa xente, porque somos nós, cada un dentro da medida das nosas posibilidades, os que temos que tratar de sacar adiante o noso concello, para que sexa un lugar onde as novas xeracións de muradáns podan vivir orgullosos do que son e do que teñen.

Domingo, dende as páxinas deste libro, tamén nos pon en garda , e fainos reflexionar contra esa costume “autocompracente” da que abusamos moitos de nós, e que non é (seino), a mellor maneira nin a mais obxectiva de ver a realidade do noso concello. Tamén aporta o seu punto de vista crítico que quizais nos axude ós que somos uns cegos namorados de Muros a saír do noso inconsciente idilio, que non é mais que un amor platónico que nos aboca erroneamente a pensar que a nosa Vila, que o noso Concello, é o mellor do mundo. E pon o punto necesario de pementa que se contrapón a melaza do noso habitual discurso, porque quizais iso sexa precisamente o que nos fai falta os muradáns para espertar do noso letargo, da nosa longa noite de pedra que nos mantén adurmiñados e que nos envía directamente ao inferno que necesariamente temos que padecer os conformistas.

E xa para rematar, quéroche dar as grazas Domin , grazas amigo, grazas por aportar o teu grao de area a prol de Muros. Porque aínda a praia máis enorme nunca existiría se non a dera comezo un primeiro grao, nin o camiño máis tortuoso se andaría se nunca se dera un primeiro paso.

Moitas grazas

Manuel Martínez Caamaño