A desaparecida praia do "Varadero"

 

 



A praia do "Varadero",  aquel pequeno areal xa desaparecido, era o lugar "multiusos" onde nos reuniamos e xogabamos moitos nenos da Vila. Alí  aprendín eu a nadar, primeiro pola parte de terra da rampla, debaixo da casa de Domitila, e logo, ao ter un pouco mais de seguridade nas nosas artes natatorias, xa nos atreviamos a chimparnos a auga por fora dela (alí xa non se "acañaba"!) . Era como subir un grao na escala da vida, ser dos da banda de fora da rampla do Varadero dicía moitas cousas de un, e todas boas.

Cando era inverno ou o tempo non se prestaba para bañarse, entón a area servía de campo de xogos. Facer estradas por onde corrían cochiños feitos de cortiza, con túneles e todo!, castelos de area con altos muros para soportar os embates do seu maior inimigo, as ondas; ou argallar "reinarés" con pedras onde aguantar quedos, estoicos como aquel don Tancredo dos touros, sen mollar os pes, a crecida da marea. Ao final sempre encharcabas os zapatos e a "pallera" na casa, estaba asegurada.

Outros días cando era o tempo de xogar a raiola, buscabamos solas de zapatos vellos na praia, para logo na estrada, aproveitando as liñas que entre o cemento había, practicar tan entretido xogo. Pero iso si, cando era o seu tempo, porque en Muros os nenos dividiamos o ano en "tempos" . Alguén dicía... é o tempo das sevillanas, ou dos cajotes, dos arcos, da raiola, das espadas, das rodas, do pinchín, do gua ou das guerras contra os de Miraflores , e todos nos aprestabamos a provernos dos adminículos necesarios para pasar adecuadamente ese "tempo" correspondente. Todo iso ata que alguén outro se lle ocorría cambialo.

O "multiusos" do Varadero tamén nos valía para recoller chatarra que iamos vender a señora Lúsia por unhas "perras chicas", que nos axudaban a pagar o cine do domingo en Carcamán. Custaba  tres pesetas a entrada da sesión das tres, e se non tiñas os cartos xustos para entrar, o señor Ramón que era fillo da señora Rogelia e  que tiña de mal nome "pipí de masa", o que Deus noso Señor teña alá na Gloria, sen nós , moitos anos... non nos deixaba entrar ata o descanso da película, perdendo así as primeiras aventuras do heroe romano Maciste, ou os primeiros golpes do loitador "El Santo"...

Naquela pequena praia tamén colliamos ameixas coa marea baixa, ameixas de lei! que eran das boas; ou caramuxas das negras para poder repenicar toda a tarde nelas. Eran as pipas de antano!

E todos estes recordos veñen a conto de que onte levei a miña filla pequena a xogar o parque infantil que se atopa hoxe en dia encima, no recheo do que foi aquel pequeno areal. Xa non se poden coller alí ameixas, nin caramuxas, nin chatarra, nin tampouco solas de zapatos e moito menos bañarse. Nin xogan tampouco os mesmos xogos que nós faciamos. Pero os nenos, case medio século despois, ségueno a pasar unha chea de ben, alí onde era e xa non é, o pequeno areal do Varadero.