O Conto compartido
Na páxina de Facebook "I LOVE MUROS" , páxina oficial dos "Queredores de Muros", onte fixen unha proposta, facer un conto compartido. Eu puxen o encabezamento dunha pequena historia e invitei a quen quixese seguila a aportar a súa achega. Non sabiamos o que ía xurdir de aí, pero aquí esta o resultado.
Entre Marisé, Carmiña, Amalia, Pacola e máis eu que fixen as tarefas de coordinador para darlle unha orde e continuidade ao conto, argallamos isto...
María esperaba inqueda no aeroporto de Santiago a chegada do seu home. Miraba con inquietude as agullas do seu reloxo, cada segundo parecíalle unha eternidade. Recoñeceríao? Facía anos que non o vía... tiña medo de que as fotos que lle mandara durante a súa longa ausencia distaran moito da realidade coa que se ía encontrar agora. Mentres esperaba, víñanlle a súa memoria as lembranzas dos últimos días en que estiveran xuntos, e o tempo pasáballe tan amodiño que se lle facía interminable a espera.
Cando o avión aterrou por fin, á pobre da muller empezáronlle a tremer as pernas. Abriuse a porta automática e María veuno saír. Eran catro anos sen verse, anos nos que María tivo que facer a un tempo de nai e pai, anos nos que a falta de novas do seu home, sumírona na angustia , na incertidume e na desesperación. Entoxóuselle máis vello e canso do que ela esperaba ver... pero non esperou máis, correndo, cos seus brazos estarricados guindouse sobre el apertándoo con todas as súas forzas. Sen mediar palabra entrambos estiveron así un bo anaco. María mirábao pensando que todo era un soño , que non podía ser el, que non podía ser verdade iso de volver a ter ao seu home de novo ao seu carón, e que nunca máis ía deixar que se afastase dela. Pero si, si que era el, o seu Benito, cunhas poucas engurras máis que nas imaxes dos retratos, pero era el. María notábao algo nervioso, ela tamén o estaba e non sabía como preguntarlle o que acontecía, pero aquela mirada esvaecida de Benito facíalle sospeitar algo. Ela quería pensar que eran os anos do distanciamento, e o esgotamento logo de tan longa viaxe, pero algo máis agochaba aquela mirada.
Pouco a pouco María foi volvendo a realidade e dándose conta da situación e, así abrazada como estaba ao seu home, puido apalpar os antes fortes brazos de Bieito e que agora notábanse fracos e débiles. E aqueles ollos azuis cheos antes de vida e que a ela a namoraron... estaban apagados, sen brillo, sen vida.
Ela foise dando conta pouquiño a pouco de todo isto , pero non dixo nada, seguiu abrazada ao seu home pero as risas e as alegrías , pronto tornaron en bágoas...
Marisé Luces Tajes
Carmiña Rodríguez Lourido
Amalia Luces Tajes
Pacola González Campelo
Manuel M. Caamaño
Un triste conto que moi ben pudo ser real,na historia familiar de moitos navegantes.