Amencer na Costa da Morte a bordo do "Sidri Rober" (2003)
O ceo, coroado de estrelas é unha bóveda de un azul escuro intenso . O mar, calmo como poucas veces, unha superficie chan que se estende arredor de todo o que abrangue a vista.
Aló polo sueste escintila o luceiro do alba, asemella fose a raíña das estrelas... Pero só é o humilde Venus que se reflicte debilmente nas pracidas augas.
O mundo parece durmir , soamente eu, rodeado da nada en moitas millas á redonda son o único ser humano que vela.
Moi paseniño, polo leste vaise enxergando unha moi leve claridade que a cada pouco tínguese de un intenso vermello. Comézanse a distinguir as formas entre a penumbra e as sombras van sendo acurrunchadas pola tenue luz da alborada, o mar vai tomando o mesmo ton que o ceo polo leste.
As gaivotas , pousadas na proa, comezan un estraño ritual bailes e berros . Parecen querer saudar ao novo día que a cada pouco faise máis visible trocando o vermello polo amarelo e apagando pouco a pouco, unha a unha ás estrelas.
Nun intre, no que nin a noite finou nin o día naceu, o tempo párase , a terra deixa de xirar; as gaivotas , como se respectasen ese intre deteñen os seus estridentes berros e os homes que temos o inmenso privilexio de ver amañecer no mar todos os días ... nunca nos acostumaremos a tanta beleza, a tanta inmensidade e nese intre, nese preciso momento un leve estremecemento a percorrer o noso corpo e un leve brillo destellará nos nosos ollos.
Esa é a hora na que sempre nos faremos a mesma pregunta, aínda así vivamos mil anos e vexamos mil amenceres. Que magnífico pintor puido mesturar as cores de tan fermoso cadro?
moi bonito, un saludo