Almacén de salga na praia do  Caldeirón, en Louro





As vivendas dos fomentadores cataláns, ou as dos patrianos acomodados que había, e aínda hai, en case que todos os portos da costa galega non se diferenciaban moito das "casas grandes" urbanas e nelas, dependendo dos gustos, formación, ou riqueza  dos seus moradores, podíanse atopar dende pinturas de afamados artistas, até piano e bibliotecas ben fornecidas . Pero o que as soia diferenciar das casas da burguesía urbana era o almacén de salga que tiñan case todas anexa. Nuns casos ocupaba o baixo completo da casa ou, cando o terreo do que dispoñían era maior, a parte posterior da mesma. Moitas destas edificacións achábanse illadas en lugares estratéxicos das rías e moitas tamén, posuían o seu propio peirao onde as embarcación descargaban directamente as súas capturas, para o almacén de salga.

Os primeiros fomentadores, nome co que se coñece aos comerciantes de orixe catalá, chegaron no século XVIII. Nese intre, a agricultura e a pesca eran a principal fonte de ingresos, a pesar de que estaban gravadas cos tradicionais foros que exercían un peso excesivo sobre as xa pobres economías dos veciños.
Estes comerciantes cataláns foron os creadores das primeiras salgaduras. Todas súas as factorías instalábanse en solares aforados á nobreza e ao clero e situábanse en primeira liña de praia, en enseadas moi abrigadas e de doado acceso para as embarcacións.

Para facerse con estas propiedades, os cataláns recorreron a diferentes modalidades de contrato: alugaban, lograban unha cesión ou conseguían que se lles outorgase un foro.

Unha breve descrición dun almacén de salga tradicional, faina FANCISCO CALO, na súa obra "Xentes do mar" (1996) :

" Constaba este de tres partes: o claro, a chanca e o morto. O claro era o espazo central, sen tellado para permitir o paso da luz a todo o recinto; a chanco ocupaba os laterais, baixo tellado sostido por piares e totalmente aberta ao claro. O seu piso estaba todo cheo de píos, cada un con capacidade para conter 200.000 sardiñas. Finalmente o morto era onde estaba a prensa. Os píos tiñan comunicación entre si e a canle que os unía remataba noutros onde se ían depositando a morca e o saín, resultado residual do proceso de salga e que se empregaban o primeiro para facer unha especie de morteiro e o segundo para tinxir e protexer as portas e fiestras das casas, así como para alumear nos candís."

Varias de estas edificacións aínda se poden achar en Muros: O cabaneiro, Anido, Portals, Vieta, Caldeirón e Goday. Hasta fai ben pouco no extremo norte da vila tamén se achaba o que foi o almacén de salga de Sel, agora convertido nun complexo de edificios de uso público.

Do antigo "esplendor" daquelas casas e dos almacéns de salga, nalgún caso, pouco ou nada queda. Noutras, os espazos antes dedicados a salga foron reconvertidos en locais hostaleiros que conservan con maior ou menor fortuna as antigas instalacións.

Instalacións do antigo almacén de salga da familia Sel