
Nesta foto:
A parella de noivos da dereita pasean polo malecón nun serán de domingo, semellan ser de xente de posibles. Vestidos coas galas de festa e ambos coas mans nas costas (non vaia a ser que se lle escape algunha) son saudados pola señora, a cal parece sacada dunha imaxe daqueles primeiros daguerrotipos que retrataban ás mulleres de alta "alcurnia" francesa nas derradeiras décadas do século XIX, e que asemella actuar de "carabina" dos mozos.
Os nenos (todos con boina) ollan arrimados ao peitoríl da estrada para o lugar onde está o fotógrafo. Era neses anos unha verdadeira novidade ver a un home coa cabeza metida dentro dunha caixa de madeira da que saia un único ollo de metal; un Cíclope dos novos tempos, un Polifemo que en vez de xantar aos presentes, retratábaos para a posteridade.
O home de traxe negro coas mans nos petos, posa a pes xuntos, nun equilibrio inestable , se nese intre unha racha de brisa o empurra...cae ao chan!
Na dársena, co peirao que bautizara o rei Alfonso XIII na súa visita a Muros no ano 1900, como "Porto Piollo", descansan os veleiros. O que se ve máis preto descansa si, pero para sempre, R.I.P. na tumba, no mesmo lugar onde eu de neno vin morrer moitos barcos desa maneira até a súa completa desaparición comestos pola podremia.
O de máis aló, un "galeón da compra" daqueles que viñan cargados dende vigo de "coloniais" e facían a ruta de volta cargados de esterco das cañeiras da vila. Os alimentos que traian eran deglutidos polos muradas e devoltos a Vigo en forma de merda á volta de viaxe. É o ciclo da vida, non?.
Unha estampa que hoxe miramos con ollos ávidos, tentando atopar algo de nós mesmos dentro desa descolorida foto. Se mirades ben, seguro que todos atoparedes algo.
Muros e mailo Mar ///
Fomos ficando sós o Mar o barco e mais nós
Escribe un comentario